O BCE rebaixa os tipos de xuro por quinta vez e empeora as previsións de crecemento e inflación
O Consello de Goberno do Banco Central Europeo (BCE) decidiu esta quinta feira baixar 0,25 puntos porcentuais os tipos de xuro por quinta vez consecutiva –a sexta vez en sete reunións–, de forma que a taxa de depósito quedará en 2,5%.
"En particular, a decisión de reducir o tipo de xuro aplicábel á facilidade de depósito baséase na avaliación actualizada das perspectivas de inflación, da dinámica da inflación subxacente e da intensidade da transmisión da política monetaria", argumentou o entidade.
Segundo o BCE, o proceso de desinflación avanza, en xeral, conforme ás súas proxeccións, e a maior parte dos indicadores da variábel subxacente suxiren que esta se estabilizará de forma "sostida" arredor da meta de 2%.
Aínda así, a institución asegurou que a inflación interna segue sendo "elevada" porque os salarios e os prezos nalgúns sectores aínda se están axustando á anterior escalada inflacionista cun "atraso considerábel".
O organismo indicou que a política monetaria está a adoptar unha orientación "considerabelmente menos restritiva" dado que as baixadas dos tipos de xuro están a reducir o custo do crédito para empresas e fogares, o que está provocando o crecemento dos préstamos.
"Reunión a reunión"
Así, o BCE insistiu en que conta coa "determinación" de estabilizar a inflación no obxectivo de 2%, para o que se aplicará un enfoque dependente dos datos á hora de fixar os tipos de xuro "reunión a reunión", máxime co escenario actual de "incerteza".
Neste sentido, o banco central prognostica que a inflación xeral da zona euro situarase nunha media de 2,3% en 2025, de 1,9% en 2026 e de 2% en 2027. "A revisión á alza da inflación xeral para 2025 reflicte un maior dinamismo dos custos enerxéticos", explicou o ente.
Sobre a actividade económica, o BCE prevé unha recuperación económica máis lenta que nas proxeccións do mes de decembro e avisa de "retos". Así, anticipa un crecemento na área monetaria de 0,9% en 2025, de 1,2% en 2026 e de 1,3% en 2027.