O BBVA e o seu ex presidente, Francisco González, procesados por supostos encargos ilegais
A Sala do Penal da Audiencia Nacional estima que o estabelecido polo BBVA na prevención e control de delitos non era “eficaz”.
A Sala do Penal da Audiencia Nacional (AN) confirmou o procesamento do BBVA, do seu ex presidente Francisco González, natal de Chantada, e dunha serie de ex directivos da entidade pola contratación do comisario xubilado José Manuel Villarejo para a presunta comisión dunha serie de encargos ilegais entre 2004 e 2016.
Ao longo dunha serie de autos, a Sección Terceira rexeita os 11 recursos de apelación interpostos contra o auto polo cal o instrutor puxo fin á investigación. Os maxistrados, en liña co sostido pola Fiscalía Anticorrupción e o instrutor, din que "non resulta críbel o descoñecemento alegado" polo propio BBVA.
Desta forma, a Audiencia Nacional confirma o procesamento, entre outros, do que foi responsábel de Seguridade da entidade, Julio Corrochano; do que foi conselleiro delegado de BBVA, Ángel Cano; do ex xefe de Control Interno, Eduardo Arbizu, e do ex director de Riscos, Antonio Béjar.
A Sala do Penal refírese precisamente ao sistema estabelecido polo BBVA na prevención e control para previr delitos. Os maxistrados consideran que este non era eficaz ao deixar á marxe de calquera normativa de control a Presidencia Executiva e a alta dirección que, indiciariamente, cometeron os "delitos de suborno e revelación de segredos en beneficio de BBVA".
Para a AN "non é irrazonábel concluír, como fai o instrutor, que, polo menos indiciariamente, o modelo de organización e xestión para previr delitos non era eficaz, posto que había un grupo de persoas que podían actuar á marxe do mesmo e sen control cuxas ordes eran obedecidas polos subordinados sen cuestionalas".