O Banco Santander branqueou cartos de fortunas españolas en Suíza
A entidade presidida por Ana Botín realizou 1.070 operacións por valor de 73,9 millóns de euros.
Un informe do Banco de España conclúe que o Banco Santander colaborou no branqueo de capitais e na evasión de capitais de decenas de clientes españois na Suíza.
Segundo informou esta uarta feira El Confidencial, a entidade presidida por Ana Botín supostamente realizou transferencias non identificadas de emisores e receptores a HSBC Suíza, un dos bancos máis investigados dos Estados Unidos e Europa polo ocultamento xeneralizado de activos.
Só entre 2005 e 2008 houbo 1.070 transaccións entre as dúas entidades por un importe de 73,9 millóns de euros.
Entre eles hai nomes como o ex piloto de motos Jorge Lorenzo, que moveu 850.000 euros. A Audiencia Nacional investiga sete directivos e ex directivos da entidade española por esta causa.
O informe entregado ao instrutor detalla que o diñeiro depositado en Suíza entraba e saía a través do Santander sen deixar rastro de quen eran os emisores e os receptores dos fondos, de maneira que a Axencia Tributaria non podía detectalos. Foi grazas á lista Falciani que Facenda puido determinar os movementos que levaron a cabo por esta vía.
Durante a instrución do caso, o Banco Santander —que non está a ser investigado como persoa xurídica— lembrou que até 2009 non era obrigatorio identificar os clientes do banco orixinal, e que no caso de HSBC estaba a obrigación do segredo bancario