O Banco de España deixará de rexistrar novas empresas 'cripto': estes son os cambios no mercado das moedas dixitais
O Banco de España deixará esta segunda feira de inscribir novas empresas no seu rexistro de 'criptos' pola entrada en vigor do Regulamento sobre criptoactivos (MiCA) a nivel comunitario e o comezo do período de transición no Estado español para implementar esta nova normativa.
A entrada en vigor de MiCA prodúcese esta segunda feira, 30 de decembro de 2024, aínda que se daba a posibilidade aos Estados da Unión Europea (UE) de aplicar un período transitorio de 18 meses (até o 1 de xullo de 2026) para adaptarse aos cambios. No Estado español, a decisión foi estabelecer un prazo de 12 meses, é dicir, até o 30 de decembro de 2025.
O Banco de España, seguindo a lei sobre prevención do branqueo de capitais e do financiamento do terrorismo, ten desde 2021 un rexistro no que deben estar inscritas todas as entidades que presten servizos de cambio de moeda virtual por moeda fiduciaria e de custodia de moedeiros electrónicos.
Con todo, este rexistro deixará de realizar novas inscricións coa aplicación de MiCA, aínda que seguirá existindo para os efectos de verificación das entidades que xa foron inscritas. Así, será a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) a que pasará a encargarse de autorizar as empresas 'cripto'. Tamén cabe a posibilidade de que outra autoridade comunitaria dea o visto e prace e a empresa sexa posuidora dun pasaporte que lle permita operar a nivel estatal.
Ao fechamento deste 2024, o rexistro de Banco de España tiña máis de 130 empresas rexistradas, a maior parte delas con sede no Estado español, mais tamén procedentes dos Países Baixos, de Alemaña, de Austria, do Reino Unido ou de Luxemburgo, entre outros Estados.
Período transitorio
Recentemente, a CNMV emitiu dous comunicados, un a investidores e investidoras e outro ao sector, para informar sobre certos aspectos da entrada en vigor do Regulamento MiCA. En concreto, lembrou certas consideracións para ter en conta durante a aplicación do período transitorio.
Por unha parte, sinala que as entidades que poden acollerse a este período de transición para adaptarse a MiCA serán as que viñesen prestando servizos de forma efectiva sobre criptoactivos antes da aplicación da normativa, de acordo coa normativa estatal vixente.
Así mesmo, as persoas físicas e xurídicas que estivesen inscritas no rexistro do Banco de España a data de 30 de decembro poderán continuar prestando os mesmos servizos que viñan ofrecendo, sen necesidade de solicitar autorización, até o día 30 de decembro de 2025 ou até a data en que se lles denegue a inscrición no rexistro provedores de servizos de criptoactivos regulado na normativa MiCA, se esta fose anterior.
En canto ás persoas físicas e xurídicas que non estivesen inscritas no rexistro, por prestar servizos que non requirisen da devandita inscrición, mais que prestasen servizos de criptoactivos de acordo coa lexislación vixente antes do 30 de decembro de 2024, poderán continuar prestando os mesmos servizos que viñan prestando, sen necesidade de solicitar autorización, até o día 30 de decembro de 2025 ou até a data en que se lles denegue a inscrición.
Con todo, as entidades que, a partir desta segunda feira, presten servizos MiCA no Estado español e que non poidan acollerse ao período transitorio poderán ser obxecto de sanción e incluídas na lista da CNMV de entidades non autorizadas ou 'chiringuitos financeiros' (coñecida tamén como 'lista negra').
Ademais, os provedores de servizos MiCA que actualmente estean na lista da CNMV doutras entidades (ou 'lista gris') serán eliminados desta lista se están inscritos no rexistro do Banco de España. Igualmente, a CNMV sinala que calquera outro provedor de servizos desta 'lista gris' será eliminado da mesma cando obteña a autorización MiCA en calquera Estado.
Autorización da CNMV
Segundo indicaron fontes da CNMV, as empresas que xa estean inscritas no rexistro do Banco de España deberán realizar só unha notificación, mentres que as novas entidades que queiran darse de alta deberán realizar todo o proceso de inscrición. Para acometer estes procesos, a CNMV puxo en disposición das entidades un manual e un modelo de notificación onde detalla os pasos para seguir. De feito, recomendaba o pasado mes de xullo que os provedores de servizos de criptoactivos solicitasen, antes de presentar a solicitude formal, unha reunión co equipo da CNMV que se encargará de xestionar os expedientes.
Alerta a investidores
Por outra parte, a CNMV lembrou ás e aos investidores que a normativa MiCA estabelece un novo marco regulador que os protexe "parcialmente", mais que "non o fai ao mesmo nivel" que a regulación sobre instrumentos financeiros (como, por exemplo, as accións) e que, por tanto, o investimento en criptoactivos "segue implicando riscos significativos".
Destaca, en concreto, que os criptoactivos non estarán cubertos por un sistema de indemnización dos investidores (como é o fondo de garantía de investimentos), de tal forma que MiCA non contempla proteccións así para clientes destas empresas. "Se o provedor de servizos de criptoactivos non pode devolvelos non hai unha rede de seguridade", recalca.
Ademais, lembra que, a diferenza das normas que regulan servizos de investimento tradicionais, o regulamento MiCA non exixe a todos os provedores de servizos de criptoactivos que soliciten información dos e das clientes para avaliar a súa capacidade para comprender os produtos de criptoactivos que desexan adquirir.
Por último, a CNMV recomenda ás e aos investidores revisar a lista de 'chiringuitos financeiros' antes de operar cunha determinada entidade e destaca que durante o período de transición poderán coexistir provedores autorizados baixo a normativa MiCA con aqueles que se acolleron ao réxime transitorio.