A banca expatriou 37.409 millóns de aforro galego en só 9 meses de 2025

Sucursal de Abanca na praza da Galiza, Compostela. (Foto: Clara Xantinha)

O Banco de España publicou onte os datos de depósitos e créditos na Galiza. O aforro succionado polo sistema financeiro no país nos primeiros nove meses do ano situouse en máximos históricos, ao superar os 37.409 millóns de euros, 2.445 millóns máis que no mesmo período do  pasado exercicio.

 

As entidades de crédito con presenza na Galiza expatriaron 37.409 millóns de euros no terceiro trimestre de 2025. Segundo as cifras achegadas onte polo Boletín Estatístico do Banco de España, a succión do aforro galego situouse en máximos históricos a 31 de setembro, rematando coa contía máis elevada de toda a serie rexistrada polas estatísticas do regulador bancario estatal. A este respecto, os últimos números coñecidos confirman unha aceleración do proceso de drenaxe do aforro galego en 2025 a un ritmo até agora inédito.

O aforro expatriado polo conglomerado bancario é resultado da diferenza entre os depósitos obtidos na Galiza -os aforros de cada galego e galega depositados nos bancos- e os créditos outorgados por eses mesmos bancos fóra da Galiza, evitando así que o aforro depositado no país redunde en investimentos no territorio galego. Neste sentido, non é un fenómeno novo na economía galega, pois representa un síntoma definitorio da dependencia do país, tal é como levan analizando ducias de economistas galegos desde finais do século XIX.

O aforro

Os datos do Banco de España indican que os depósitos custodiados polos operadores financeiros con presenza no país alcanzaron ao remate de setembro deste ano a cantidade de 86.647 millóns, dos cales 81.563 corresponden con aforros de persoas físicas e xurídicas e 5.083 con diñeiro das diferentes administracións custodiado polas entidades de crédito. Os depósitos galegos representaron 5% do total estatal, unha contía de gran relevancia e que dá conta da capacidade para xerar aforro da economía galega.

As entidades financeiras achegaron na Galiza no terceiro trimestre de 2025 crédito por unha contía de 49.238 millóns de euros. Neste caso, 42.415 millóns foron fornecidos a persoas físicas e xurídicas e 6.823 millóns a diferentes administracións, representando no seu conxunto 3,9% do total estatal. Nesta dirección, o comportamento do crédito gardou certas analoxías coa operativa da última década, ficando moi lonxe dos niveis dos primeiros anos do século.

A cantidade do aforro drenado polos operadores financeiros é relevante atendendo ás magnitudes nas que se move a economía galega. A contía expatriada entre xaneiro e setembro deste ano supera en 23.095 millóns de euros o orzamento galego de 2025 e en 31.615 millóns de euros os fondos dedicados nas actuais contas públicas ao financiamento do sistema sanitario. Ao tempo, a parte do aforro expatriado equivale a 45,7% do total do produto interior bruto (PIB) galego do ano 2024, situado en 81.840 millóns de euros.

O aforro succionado polo complexo bancario no terceiro trimestre deste ano é superior en 2.445 millóns de euros ao diñeiro expatriado polo sistema financeiro no mesmo período de 2024. Nesa anualidade, o aforro galego a finais de setembro ficou en 82.602 millóns e o crédito alcanzou 47.638 millóns. Así, as entidades bancarias con actividade na Galiza drenaron nese período 34.964 millóns de euros cara a outros territorios do Estado español e do resto do mundo. A este respecto, Madrid voltou a ser, máis unha vez, o primeiro territorio beneficiado da fuga de capitais galegos, que, tamén, neste caso sae favorecido do denominado efecto sede.

A falta de crédito

O reducido crédito ofrecido polo sistema financeiro na Galiza xera graves problemas de capitalización no tecido empresarial, que limita a capacidade para acometer novos investimentos e obriga, en moitos casos, a acudir a fórmulas de financiamento non exentas de perigos, como os fondos de capital risco. A situación agrávase en momentos onde a suba dos tipos de xuro e mais os problemas de solvencia da banca endurecen as condicións de financiamento para as persoas físicas e xurídicas.