Asinaches unha hipoteca ou estás pensando en facelo? Estas cláusulas poderían ser abusivas

Dúas mulleres camiñan por diante dunha sucursal bancaria. (Foto: Arxina)
A OCU destaca os motivos polos que se pode reclamar ante os bancos.

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) avisou esta cuarta feira de que unha comisión de apertura dunha hipoteca que estea por encima de 1,50% "podería ser abusiva". Este aviso baséase en que a comisión media de apertura aplicada polas entidades bancarias no ano 2023 era de entre 0,25% e 1,50%, polo que unha taxa maior "podería ser abusiva".

Neste sentido, a asociación fíxose eco dunha sentenza do 29 de abril do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) na que o xulgado se reafirmou nos seus criterios xa expostos hai dous anos para considerar a validez dunha comisión de apertura dunha hipoteca.

"Primeiro, a transparencia fronte ao consumidor, para o que debe ser informado das consecuencias económicas da súa aplicación. Segundo, a cobranza única por este servizo, de modo que non se solape con outros gastos do contrato. E terceiro, a proporcionalidade, é dicir, que a comisión sexa razoábel e en liña coa media do mercado. O contrario, implicaría o abuso na súa aplicación", afirmou a OCU.

Outras condicións

Máis aló da comisión, a organización lembrou que hai outras condicións que se poden reclamar e animou as persoas afectadas a comprobar outros gastos "abusivos e, por tanto, nulos, asociados á hipoteca", como poden ser "a imposición de todos os gastos de formalización da hipoteca, a imposición dun seguro de vida mediante unha prima única ou a existencia de cláusulas solo".

Prescricións

Por último, lembrou outra sentenza que estabelece que o prazo de prescrición dunha condición abusiva "non pode empezar a correr antes de que o consumidor teña coñecemento efectivo deste feito, o que implica que poden reclamar sempre que poidan demostrar que non coñecían o carácter abusivo da cláusula nin os seus dereitos respecto diso".