Análise

Ardemos

Persoal do operativo antiincendios traballa nos labores de extinción do lume, a 25 de agosto de 2025, na Pobra do Brollón (Terra de Lemos). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Oscar Antón Pérez García, enxeñeiro técnico agrícola.

Desde hai décadas, os estamentos de investigación e os especialistas veñen advertindo de que as condicións dos lumes mudaron. Galiza xa non é a mesma desde os anos 1990 cando Fraga deseñou toda unha industria arredor do operativo contra incendios que lle reportou beneficios políticos notábeis. Galiza xa non ten nin 10% das explotacións agrarias que tiña daquela e no centro e oriente do país queda menos de 40% da poboación de entón.

As explotacións de agora outorgan moito dinamismo nalgunhas zonas do territorio, aínda que cunha actividade moi limitada e intensificada. Por outra banda, varias zonas do territorio sofren o abandono máis extremo en todos os sentidos e outras onde as superficies de interface (alí onde o monte se mete nas casas e estas no monte) debuxan un continuo que dificulta a xestión e crea un cóctel intensamente inflamable.

O clima mudou: temos máis horas de sol, períodos maiores de seca e outros temperados e húmidos que fan prosperar o tecido vexetal de forma esaxerada no territorio, pero agora sen control. As grandes áreas repoboadas con especies pirófitas, que tamén con axuda oficial se foron estendendo desde hai máis de 50 anos, posúen un perigo que no ano 2017 supuxo que superasen por primeira a área queimada de monte baixo. En amplas zonas surorientais, multitude de pequenas leiras intensamente traballadas no pasado, agora abandonadas, énchense de touza que crea un continuo vexetal: un enorme depósito de combustíbel que alimenta e fai avanzar o lume cunha destrución que non viramos antes. A velocidade e o poder calorífico destes días produciu taxas de queima que superan as 8.000 hectáreas por día.

O poder calorífico produciu taxas de queima que superan as 8.000 hectáreas por día

Por outra parte, se no pasado múltiples focos producían lumes de media ou baixa dimensión, na actualidade un menor número de focos son capaces de xerar situacións catastróficas. Frontes quilométricas, a altura das lapas e a intensidade calorífica deixan minúsculo calquera operativo contra o lume, así como incrementan a perigosidade na extinción.

Outra situación inédita son os danos ás construcións, nomeadamente ás vivendas. Se no 2022, co lume do Courel e Valdeorras, arderan vivendas, nesta vaga de 2025 comprobamos in situ como Cernego ou San Vicenzo de Leira, ambas aldeas de Valdeorras, foron rodeadas e mesmo consumidas polas lapas. Aldeas incomunicadas, rodeadas de masa combustible e con vías de escape nulas ou moi escasas. Tendidos eléctricos e de comunicacións capaces de produciren incendios por si mesmos, son tónica diaria no rural galego.

Xestión do territorio

A realidade dos incendios forestais é moi complexa. A biomasa sen xestionar moi próxima a vivendas e instalacións públicas e privadas e ás terras de cultivo, a deficiente separación das zonas con matogueira doutras que non a teñen, xunto coas condicións máis arriba sinaladas, supuxo unha devastación e un perigo nunca antes rexistrados.

O volume e nivel de destrución que atopamos hoxe en incendios coma o de Valdeorras son dificilmente expresables con palabras. A enormidade da superficie queimada deixa pequenos rexistros previos e dá unha idea moi cristalina de cara a onde nos diriximos se a situación non muda radicalmente.

A problemática vai alén dos incendios (un síntoma terríbel) e radica no territorio e na xestión que del facemos. O desleixo, o abandono de certas actividades no rural (cabería tamén unha análise das causas), a pasividade das Administracións e a súa renuncia sistemática a aplicar a lexislación da que dispón, a prioridade de proxectos e industrias de enclave (explotación masiva de especies de crecemento rápido, eólicos, Altri), a falta de iniciativas para dotarse dunha política preventiva seria e asentada no territorio, as infraestruturas en estados deficientes coma os tendidos eléctricos e de comunicacións, as aldeas practicamente incomunicadas, dan unha visión moi certeira de como estamos.

Hoxe botamos as mans á cabeza, lamentámonos, entristecémonos ou mesmo nos enchemos de carraxe. Pero unha remuda das políticas territoriais non abonda coa indignación de quince días en agosto. Require a demanda forte e sistemática cara as Administracións responsables de forma continuada. A situación destes días foi gravísima, abofé, pero constitúe tan só un aviso do que pode seguir pasando se non esiximos de forma contundente unha política decidida de investimentos para o coidado e impulso das actividades no rural e no medio natural.

Senón, ardemos.