Análise

Apagamento e Sargadelos

Un home consulta o seu móbil durante o apagamento xeral do 28 de abril en Vigo. (Foto: Agostime / Europa Press)
Colectivo Bidán, Quico da Silva e Fernando Branco.

O apagamento xeneralizado deste 28 de abril trasladou á sociedade unha sensación de debilidade, fraxilidade e dependencia dun sistema eléctrico do que, polo xeral, descoñécese moito. Como tamén afectou ás comunicacións, aínda que só durou unhas horas, houbo unha percepción dun certo caos.

A causas técnicas deste apagamento, no momento de escribir este artigo, aínda non se coñecen, mais circulan moitas hipóteses e especulacións, algunhas con bastante base real, pero ningunha concluínte. É posíbel que a caída de todo o sistema non fose provocado pero, ao mellor, tampouco evitado. Explicámonos, sabíase que existía un certo risco na operación con tecnoloxías non síncronas (non todas as renovábeis) e deixouse facer –e non puntualmente ese día– nun contexto de indispoñibilidade –voluntaria ou accidental– dunha parte importante das síncronas aceptado por REE. Por iso, para nós, é importante explicar o contexto en que está actualmente o sistema eléctrico e cal é a vantaxe que conseguiu con este apagamento o oligopolio eléctrico.

Actualmente, aínda que non existan mesas de negociación formal, hai abertos importantes debates –e disputas– sobre a retribución futura das actividades do sector eléctrico. Só un dato, no momento do apagamento o consumo era duns 25.000 MWh e a potencia instalada na parte peninsular do Estado é de 128.000 MW, enorme desfase que o oligopolio procura que sexa sufragado polo Estado, a pesar de que o negocio da xeración estea liberalizado. Obxectivos que xa conseguiron hai anos coa moratoria nuclear, cos custos de transición á competencia ou co déficit tarifario. Experiencia non lles falta.

Un debate aberto

Imos mencionar e comentar algúns das frontes abertas polo oligopolio, ademais de seu rexeitamento á descentralización e ao servizo público que debera ser a electricidade.

Continuidade das centrais nucleares: teñen como obxectivo ampliar o seu funcionamento máis alá da vida útil prevista na súa posta de funcionamento, iso si, tamén solicitan que se lles rebaixe a súa carga fiscal; nada comentan sobre quen asume a custodia dos residuos nucleares que dende o ano 1989 (accidente que obrigou ao peche de Vandellòs I) e por falta de alternativas, estanse a trasladar a Francia, "alugueiro" polo que actualmente o Estado español paga 85.200 euros diarios.

Pero o máis sorprendente deste debate sobre nucleares é que a lexislación estatal xa non prohibe a construción de novas nucleares. Calquera iniciativa privada pode facelas, mesmo nos seus actuais emprazamentos para evitar rexeitamento social. Se non se fan é polo seu altísimo custo e porque o que realmente se busca é que sexa o Estado quen asuma o risco destes investimentos, é dicir, que o risco sexa público e os beneficios privados.

Aumento nos investimentos en distribución eléctrica: outro dos temas tamén moi comentados ao fío do apagamento. A distribución eléctrica (non confundir coa comercialización) funciona en réxime do que se denomina monopolio natural, ou dito en román paladino, o territorio do Estado está literalmente repartido polas empresas do oligopolio, reparto no que a Galiza "tocoulle" Naturgy e, ao norte de Lugo, Viesgo, cando a distribución debera ser pública e de competencia da Xunta de Galiza. As empresas distribuidoras cobran vía BOE, neste ano uns 6.600 millóns de euros, por lei. O incremento anual en investimentos de distribución non pode superar 0,13% do PIB, e este é o tope que quere superar o oligopolio, coa desculpa do incremento de novas instalacións de xeración renovábeis. Claro está que este incremento despois ten que ser sufragado anualmente no BOE, é dicir, tamén por todas as persoas consumidoras.

Centrais hidroeléctricas de bombeo: ademais de ser renovábeis, tamén son síncronas, algo que facilita moito a xestión do sistema eléctrico; mais como as nucleares, aínda que moito menos cuantiosas, tamén son moi caras, polo que estase a presionar para que se lles dote dun sistema retributivo que garanta o investimento. Na Galiza hai varias anunciadas, algunha delas chega aos 1.000 millóns de inversión.

Ciclos combinados: funcionan con gas natural, e, actualmente, na Galiza hai 1.200 MW e no Estado 25.000 MW, construídos con axudas públicas ao investimento, mais agora, rematadas esas axudas, funcionan moi poucas horas ao ano. Hai un debate a nivel europeo de crear o que se denomina "pagos por capacidade", unha retribución, aínda que non funcionase, pola súa garantía de subministro. Ten certa lóxica pois nun sector con moitas renovábeis, a maioría non síncronas, os ciclos combinados, xunto coas hidroeléctricas, son a mellor tecnoloxía para subir ou baixar carga rapidamente e, así, cubrir as variacións das renovábeis.

A solución definitiva que se lle dea a todos estes debates custa cartos, moitos cartos, que deben ser trasladados ao recibo eléctrico e, como xa sabemos, supón un incremento do IPC coas súas consecuencias. Mais dentro do desacougo xerado polo apagamento, o oligopolio eléctrico ten máis forza para obrigar ao Goberno.

E que ten a ver todo isto con Sargadelos? Pois ademais de partillar o abandono das súas competencias pola Xunta, máis ben pouco, só que podemos definir o empresario de Sargadelos como primario e ao oligopolio eléctrico como refinado. Como se dicía naquela película, a diferenza entre un ladrón e un nobre é que a familia do nobre empezou a roubar antes.