O ano de pandemia aumentou en 10 puntos os fogares galegos que chegan mal a fin de mes

Xente nos accesos a un centro comercial da Coruña nesta desescalada. (Foto M. Dylan Europa Press)

Xa son seis de cada dez.

 

Un ano de pandemia deixa pegada tamén na economía dos fagores galegos. Hai agora un 20% máis de fogares que chegan mal a fin de mes dos que había no primeiro trimestre do ano pasado, antes da irrupción con forza da pandemia e as súas consecuencias no plano económico.

Segundo os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) o mes pasado, no primeiro trimestre de 2021 aumentou a pobreza ao se disparar os casos en que se chega con dificultade ou moita dificultade a final de mes, até supor un 58% do total, unha porcentaxe 10 puntos maior que un ano antes, cando era de 48%. 

Afondando na distribución, os fogares que chegan con dificultade a final de mes son 47,06% e os que rematan cada mes con moita dificultade, 10,01%, achegándose entre ambos os dous a ese 60%. Pola contra, 47,3% di que chega con facilidade ou moita facilidade. 

 10% dos fogares rematab o mes "con moita dificultade"

Deste modo, os fogares con dificultades superan o 50% por cuarto trimestre consecutivo, algo que antes do impacto da pandemia non ocorría desde o primeiros tres meses de 2018.

Ingresos a partir das prestacións

A dependencia dos fogares de ingresos que non proceden de relacións laborais actuais é cada vez maior. O propio IGE publicaba o pasado mes de xaneiro que 41,8% dos fogares da Galiza teñen nas prestacións a súa principal entrada económica. 

Unha porcentaxe levemente superior á de fogares nesa situación hai unha década, en 2010 (41,6%), mais que se traduce en que en 2019 (último ano computado pola institución, antes da pandemia) había case 447.000 fogares na Galiza na que a súa vía de ingresos máis importante derivaba das prestacións (xubilación, incapacidade, desemprego etc.) polo que o aumento se traducía en case 10.000 fogares máis que en 2010.

Un informe elaborado por Oxfam e presentado a inicios deste ano apuntaba ao aumento da pobreza na Galiza nestes meses. Así, se na Galiza pre-Covid a pobreza relativa atinxía 552.800 persoas, após o primeiro ano de Covid esa cifra aumenta até os 612.000.