Altri non pagará polos predios afectados pola condución de auga desde Portodemouros
As propietarias e os propietarios dos 381 predios que Altri prevé no seu proxecto atravesar con tubaxes para canalizar 46 millóns de litros de auga diarios do encoro de Portodemouros (Agolada, O Deza) até Palas de Rei (A Ulloa) non van entrar previsibelmente dentro de ningún proceso de expropiación e xustiprezo (indemnización por expropiación) polo uso dos seus terreos.
Así o recoñece a empresa nas súas respostas ás alegacións dalgúns donos destes predios, ás que Nós Diario tivo acceso dentro do expediente da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) positiva emitida pola Xunta da Galiza e publicada no Diario Oficial de Galiza (DOG) o pasado 5 de marzo.
Entre as 27.100 alegacións presentadas ao proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, figuran no expediente moitas presentadas polos propietarios de predios no radio de acción dos 12,5 quilómetros de tubaxes que Altri ten deseñados para canalizar a auga de Portodemouros cara a planta de Palas de Rei.
Só no concello de Agolada –onde Altri pediu a captación de 46 millóns de litros de auga diarios– hai 218 predios polos que a empresa prevé pasar as tubaxes. No veciño concello de Santiso (Terra de Melide) a afectación é total no territorio, desde o límite con Agolada até o predio de Quintas en Palas de Rei.
Servidume de acueduto
No caso de que Augas de Galiza outorgue a Altri a concesión da captación pedida en Portodemouros, a empresa lusa ten pensado aplicar nos predios afectados unha figura chamada “servidume de acueduto”, pola cal pode entrar nas propiedades, obrar para colocar e soterrar as tubaxes, e obter unha servidume durante os 75 anos da concesión. O que non explica a empresa aos donos dos predios é que esta servidume muda os seus usos actuais, e deixa as parcelas só para prados.
Diante das alegacións presentadas polos propietarios destes predios, que figuran no expediente da DIA, a resposta da empresa arredor da afectación da canalización da auga nas súas terras é que no “relativo á afectación da súa parcela pola condución de auga e vertedura, informamos que unha vez finalizada a fase de construción, e quedando as canalizacións soterradas, a alegante poderá seguir facendo uso da mesma, sempre que se respecte a servidume de paso sobre as tubaxes”.
Ademais, Altri responde á preocupación dos propietarios polo efecto das obras sobre os seus predios que “de existir afectación sobre infraestruturas previas existentes, Greenfiber restituiraas ao seu estado orixinal”.