Adif deixou sen executar 368 millóns de euros dos investimentos orzados para Galiza entre os anos 2020 e 2024
Entre 2020 e 2024 Adif prevía investir na Galiza un total de 1.011 millóns de euros en diversas actuacións, tanto na liña ferroviaria convencional como na de Alta Velocidade. Os propios informes anuais que publica o Administrador de Infraestruras Ferroviarias —o último deles en 2025 e correspondente aos orzamentos de 2024— rexistra como deses máis de 1.000 millóns destinados a investir na Galiza durante eses cinco exercicios, perto de 369 millóns ficaron sen executar, o que supón 37,5% da cantidade total –un de cada tres euros–.
No exercicio de 2020 as previsións de gasto de Adif na Galiza eran de 27,7 millóns de euros, dos que 12,3 non se empregaron. Executouse, pois, 56% do orzado, porcentaxe por baixo da media de cumprimento no Estado (75%). Adif calculou nas súas contas para 2021 un investimento na Galiza de 146,3 millóns de euros, mais finalmente só gastou 35% desa cantidade: 51,1 millóns. Algo máis de 95 millóns de euros ficaron sen investir. Unha tendencia que tamén se repetiu no ano seguinte, 20222, cando dos 286,5 millóns de euros planificados por Adif para Galiza ficaron sen gastar algo máis de 165 millóns (case 58% do total). En 2023 o administrador ferroviario consignou 275 millóns de euros a Galiza e o executado ficou en 215 millóns. Foron 60 os millóns de euros sen investir nese exercicio (22% do orzamentado).
O último ano analizado por Adif a respecto do cumprimento dos compromisos económicos e financeiros foi o de 2024. Aquí eran 27,9 millóns os destinados a investir na Galiza e foron 35,5 millóns os que ficaron sen gastar. Foi, entre os exercicios analizados desde 2020, o de maior execución do orzado: 87%, por riba da media estatal, que quedou por baixo de 60%.
Porén, nese ano hai importantes partidas onde a execución do previsto se situou moi por baixo das cantidades programadas para ese ano. Por exemplo, no programa plurianual 'Renovación Eixo Atlántico Compostela-A Coruña' o nivel de gasto do orzado foi de 17%, mentres que na 'Renovación da liña Vigo-Redondela-Guillarei-Ourense' ficou en 15%. Maior cumprimento houbo na renovación da liña que une Lugo e Monforte (executouse 81% do consignado) ou na 'electrificación' da de Vigo a Tui, con 100%. Os informes destes cinco anos tamén teñen un apartado sobre o persoal que Adif ten na Galiza e que en 2024 era de 584 —102 delas mulleres—, dun total no Estado de 12.701, mentres que en 2020 o cadro de persoal galego da compañía era de 528 —77 mulleres— dun total de 11.637 no conxunto estatal.
Os trens de Renfe de Servizo Público da Galiza –Media Distancia, Avant e Ancho Métrico– transportaron en 2024 —último ano con datos fechados— máis de 7,4 millóns de viaxeiros e viaxeiras, un número que representa un aumento de 6,1% respecto ao exercicio anterior, o de 2023.
Críticas á "falta de compromiso"
Fontes do PP consultadas por Nós Diario afirmaron esta terza feira que "esta crise ferroviaria vén de lonxe pola inacción do Goberno central, partindo desa falta de investimentos, seguindo coa falta de mantemento e, agora, cunhas incógnitas de seguridade indignantes tras a traxedia de Adamuz". Os populares apuntan a que "sufrimos unhas infraestruturas ferroviarias en decadencia, sen melloras e sen frecuencias, que privan os galegos e as galegas dun transporte que cada día atrae un maior número de usuarios".
Pola súa parte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cualifica de "agravio" á Galiza esa falta de execución dos orzamentos de Adif na Galiza. "Hai unha discriminación histórica coa Galiza, quer de gobernos do PSOE quer do PP, con baixos orzamentos para infraestruturas ferroviarias", di, e afea, a maiores, que non se cumpren na súa totalidade. "Iso foi corrixido, nalgunha medida, pola presión política do BNG", explica Rego, quen non obstante incide en que é "inadmisíbel" esa baixa execución do consignado para Galiza, "que é algo que non acontece noutros territorios, como Madrid", onde se executa a totalidade do orzado. "Exiximos o cumprimento dos compromisos e a execución dos orzamentos", conclúe o deputado nacionalista.
Nós Diario dirixiuse na terza feira á Subdelegación do Goberno español na Galiza para pedirlle unha valoración dos datos que indican unha baixa execución de Adif. A Subdelegación remitiu este medio a Adif, compañía á que realizou a mesma consulta e da cal, ao feche desta edición, non recibira resposta.
Folga ferroviaria
Por outra parte, USO, CCOO, UXT e Sindicato Ferroviario convocaron oficialmente a terza feira unha folga en Renfe e en Adif para os vindeiros días 9, 10 e 11 de febreiro. Ademais, as seccións sindicais de USO, UXT e CCOO na empresa de xestión de servizos Serveo, que se encarga da atención ao cliente e da restauración a bordo dos trens de Renfe e mais de loxística, servizos en terra e oficinas de Adif, presentaron a convocatoria de folga e solicitude de mediación previa no Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (SIMA) para exixir medidas de seguridade e unha formación "real" para a execución da súa actividade.
O Congreso valida o abono único de transporte
O Congreso validou esta terza feira finalmente o decreto que prorroga as axudas ao transporte público durante todo 2026. A sorpresa estivo nos votos do PP e de Junts, xa que os populares se abstiveron a pesar de que esta segunda feira anunciaran que votarían en contra, mentres que Junts votou a favor do decreto pese ao “portazo” dado ao Goberno estatal a finais do ano pasado afirmando que non apoiaría ningún dos seus decretos. O BNG, EH Bildu, ou Compromís apoiaron a proposta, coa petición de que non haxa máis prórrogas temporais e as bonificacións se convertan en permanentes por lei.
Deste modo, as medidas que recolle esta iniciativa son novas regras para os abonos de transporte, novos abonos para viaxar en trens de Media Distancia e a estrea do bono único, de momento limitado unicamente aos medios de transporte de competencia do Ministerio, excluíndo tamén a Alta Velocidade. É dicir, para liñas de proximidade, trens de Media Distancia e liñas de autobús de concesión estatal. O prezo para persoas maiores de 26 anos será de 60 euros ao mes por un prazo de 30 días. Para as menores desa idade serán 30 euros mensuais. A medida, segundo o Goberno estatal, beneficiará dous millóns de usuarias e usuarios do transporte público en todo o Estado.