Adega insta a non tramitar novos proxectos de minaría até que non haxa un Plan Sectorial de Actividades Extractivas da Galiza

Persoal de Mina Doade. (Foto: Nós Diario)
"A falta dunha planificación previa podería condenar outra volta Galiza ao papel de colonia interna e territorio de sacrificio", destaca o colectivo.

Coa declaración do proxecto Mina Doade como estratéxico, denuncia Adega, "comeza a carreira por extraer e acaparar materias primas críticas na Unión Europea (UE)". Porén, a falla dunha planificación sectorial previa "pode converter Galiza nunha colonia mineira interna", salienta a organización ecoloxista, que insta as administracións públicas a non admitir a trámite novos proxectos extractivos dos elementos críticos mentres non se aprobe o Plano Sectorial de Actividades Extractivas da Galiza (Psaeg). 

"Un panorama extractivista e prebélico"

Arestora existe unha forte demanda de minerais que conteñen elementos de grande importancia económica (tecnolóxica, militar...) dos que a UE non ten garantido o subministro e cuxa demanda se prevé que aumente exponencialmente. O risco de alteracións no subministro destas substancias está aumentando polas tensións xeopolíticas e a competencia polos recursos. A UE pretende garantir o acceso a un "subministro seguro e sostido" destas materias primas fundamentais para reducir a súa dependencia económica e "salvagardar o funcionamento do mercado interior".

Coa xustificación da Covid-19 e a guerra de Ucraína, a UE adoptou en marzo de 2024 o Regulamento de Materias Primas Fundamentais (2024/1252). Este Regulamento estabelece unha listaxe de materias primas fundamentais (34) que inclúe as materias primas estratéxicas (17). Para estas últimas, o regulamento fixa obxectivos para 2030 como cubrir 10% das necesidades anuais da UE coa extracción, 40% coa transformación e 25% coa reciclaxe.

E como máximo, 65% do consumo anual da UE de cada materia prima estratéxica pode provir de terceiros estados. Alén disto, o regulamento exixe aos estados que dispoñan de plans de exploración para maio de 2025 (no Estado español presentouse este ano e está en fase de proposta) e permite á Comisión Europea e aos estados recoñecer un proxecto como estratéxico para asignar fondos públicos, así como estabelece prazos para os procedementos de autorización.

En marzo deste ano, a Comisión seleccionou 47 proxectos estratéxicos, 25 deles de extracción, que atinxen 14 das 17 materias primas estratéxicas. Para Galiza seleccionouse o proxecto Mina Doade (Beariz, comarca do Carballiño) de explotación de litio, promovido por Recursos Minerales de Galicia S. A., filial do aragonés Grupo Samca, e que pretende entrar en produción para extraer minerais como litio, o feldespato e a mica para 2028.

"Galiza: falla de planificación e desregulamentación normativa"

Galiza está nestes intres no foco de atención da industria mineira pola presenza no subsolo de minerais estratéxicos, até hai pouco considerados de escaso interese para a explotación, mais que no actual escenario se configuran como recursos chave de beneficio case inmediato.

No Estado, as mineiras atópanse cun panorama administrativo-legal moi favorábel aos seus intereses. A lexislación marco, a Lei de Minas (22/1973) e o seu Regulamento (RD 2857/1978) é filla dun contexto caracterizado por unha nula preocupación pola ordenación do territorio e a protección do patrimonio ambiental e cultural, abeirando tamén os aspectos sociais.

No ámbito galego, a vixente Lei 3/2008 da Minaría incorporaba a necesidade dunha planificación sectorial a través dun Plano Sectorial de Actividades Extractivas da Galiza (Psaeg) para tratar de ordenar o sector e compatibilizar estes aproveitamentos cos demais usos do solo. Introduciu tamén a participación activa da sociedade na elaboración das directrices e no seguimento da política mineira, a través do Consello da Minaría de Galiza, e daba un importante protagonismo aos concellos.

Con todo, coa chegada do PP á Xunta da Galiza en 2009 "comezou un sistemático demoucado legal da Lei 3/2008", denuncia Adega. "Nestes 16 anos nin sequera se chegou a aprobar o Psaeg nin tampouco o Consello da Minaría de Galiza, órgano consultivo recentemente modificado na lexislación orzamentaria de 2025 para excluír as organizacións ecoloxistas e as comunidades de montes", salienta o colectivo.

Aliás e a través de diversas normas (leis de acompañamento, lei de depredación)," o PP reduciu prazos de participación pública, eliminou a intervención dos concellos e ninguneou outros departamentos da administración (Medio Ambiente, Medio Rural, Patrimonio...), todo baixo a premisa de que Galiza é unha mina", alerta a organización ecoloxista.

"Sen planificación previa nin control público, rexe a lei da selva"

Arestora, "tanto pola presenza de reservas de materias primas estratéxicas como polo déficit de planificación e as extraordinarias facilidades lexislativas e administrativas, Galiza é un dos territorios da UE máis atractivos para a explotación destes recursos", salienta Adega. "Fronte a este panorama, no que predomina un enfoque nitidamente económico e extractivista, é necesario introducir factores de corrección de carácter socio-ambiental nas políticas para a xestión das materias primas estratéxicas", engade. "Neste senso, a prevención, o control da demanda e a reciclaxe deberían ser prioritarios sobre a extracción", salienta.

"Na planificación da explotación destes minerais tecnolóxicos, resulta urxente antepor a preservación do medio ambiente e a saúde das persoas aos intereses da minaría extractiva, marcando liñas vermellas e trasladándoas de modo inequívoco ao marco lexislativo sectorial", aposta o colectivo ecoloxista.

Por iso o Psaeg, ademais de ordenar o sector e compatibilizar estes aproveitamentos cos demais usos do solo, "debería estabelecer zonas de exclusión (non rexistrábeis) para o chan rústico de especial protección forestal e agropecuaria, de protección de espazos naturais, augas, costas e os espazos naturais protexidos, así como zonas de reserva para os xacementos de materias primas estratéxicas", sinala. O aproveitamento destas últimas, pola súa natureza estratéxica, entende Adega, "debería realizarse por entidades con maioría de control público logo dunha axeitada avaliación ambiental e socioeconómica, e contar cun obrigatorio aval social".

E mentres non se aprobe o Psaeg, "non deberían admitirse a trámite novos proxectos extractivos destes elementos", destaca. "O contrario suporía consagrar o extractivismo como a única lei válida (a lei da selva dos mercados) e condenar outra volta o noso país ao papel de colonia interna e territorio de sacrificio", conclúe Adega.