Abanca gaña 143 millóns ao peche do terceiro trimestre

Oficina de Abanca na rúa Olmos da Coruña (Foto: Xoán Roberes).
Xestiona un total de 50.266 millóns en recursos de clientes.

Abanca obtivo no primeiros nove meses do ano un beneficio atribuído de 143 millóns de euros, tras realizar provisións por importe de 210,8 millóns para reforzar a súa posición financeira fronte á crise xerada pola pandemia da covid-19.

O banco reivindica que afronta o actual contexto cuns " robustos niveis de capitalización", cun 16,3% de capital total e 1.214 millóns de euros sobre requisitos, unha "cómoda posición de liquidez", uns "elevados niveis de cobertura" e unha "alta calidade" de activos, coa morosidade no 2,6%.

Asegura, ademais, que a carteira de crédito está "ben situada" fronte ás consecuencias da pandemia, cunha "ampla diversificación" por sectores de actividade económica e unha "menor exposición" a aqueles máis "vulnerábeis".

A este feito "súmase a maior  resiliencia da economía galega", que, afirma, "contribúe de forma positiva á solidez e calidade do negocio da entidade".

Ao peche do terceiro trimestre, a conta de resultados do banco mostra "un sólido crecemento" das partidas recorrentes, segundo resalta Abanca.

Así, a marxe de intereses subiu un 10,3%, mentres que os ingresos por prestación de servizos incrementáronse nun 19,1%, o que resulta nun crecemento do 12,5% da marxe básica.

Descontando o resultado de operacións financeiras, a marxe antes de provisións mellorou nun 16,6%. O resultado atribuído situouse en 143,4 millóns pese para o efecto do reforzo de provisións.

O crédito normal a clientes aumentou un 7,6%, ata 38.503 millóns de euros. O núcleo da carteira está composto polas partidas correspondentes a financiamento a familias e empresas, que supoñen o 45% e o 38% do total, respectivamente.