Aagesen afirma que Altri "non vai contar con axudas por parte do Estado"
A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, garantiu que o proxecto da pasteira lusa Altri en Palas de Rei (A Ulloa) "non vai contar con axudas por parte do Estado". "Entendemos que temos que sempre avogar por proxectos que teñan garantías ambientais", deixou claro nun acto en Vigo xunto ao alcalde da cidade olívica, Abel Caballero.
Cuestionada pola prensa sobre a exclusión de Altri de axudas do Perte de Descarbonización, Aagesen respondeu: "Desde logo, é un sinal claro de que ese proxecto non vai contar con axudas por parte da Administración Xeral do Estado".
O proxecto de Altri obtivo a segunda peor puntuación entre todos os presentados ao Perte (plan de recuperación, transformación e resiliencia) de Descarbonización Industrial por cuestións como o uso de combustíbeis fósiles.
Enerxías renovábeis
Por outra parte, Aagesen valorou "o balón de osíxeno" que supón que o Goberno estatal aprobase a pasada terza feira unha prórroga nos prazos para executar os novos proxectos solares e eólicos que xa contan con todos os permisos mais que están en perigo de caducar e perder así o investimento e o punto de acceso á rede.
"Espero que o que aprobamos onte (pola terza feira) no Consello de Ministros tamén sirva, evidentemente, para aquí, para Galiza, para o territorio; para que eses proxectos conten con esa enerxía", respondeu a preguntas da prensa. Así, explicou que neste decreto tívose en conta o "cero de tensión" do apagamento, así como "a importancia de evolucionar en todo o territorio e dar a posibilidade a eses proxectos que están parados".
A ministra incidiu en que se trata "dunha oportunidade" para que estas iniciativas de renovábeis "sigan sendo viábeis", "para que eses espazos non perdan as garantías nin perdan o acceso". A vicepresidenta terceira, a pesar de que o territorio galego xera máis electricidade da que consome, remarcou que son proxectos "importantes na transformación do sistema enerxético" e para "o tecido produtivo industrial", os cales apostan por unha "enerxía renovábel, competitiva, sostíbel" para "moitas industrias" na Galiza.
Esta medida permite a proxectos anteriores de 2018 solicitar a ampliación do quinto fito, o de posta en servizo das instalacións renovábeis. Ademais, dixo, tamén se clarifica a situación do quinto fito para algún obstáculo que non é culpa do promotor e permite, por primeira vez, programar para todas as instalacións que poidan cambiar ese calendario cada seis meses para permitir unha entrada graduada e eficiente dese parque renovábel.
Este mesma cuarta feira concluía o prazo legal para que unha importante cantidade de proxectos renovábeis tivese que estar en funcionamento baixo a ameaza de perder o seu dereito de acceso á rede eléctrica de non cumprimentar este obxectivo.