A Xunta volta rexeitar, nunha reunión de tres minutos co Goberno estatal, a condonación de 4.000 millóns da débeda a Galiza
Facenda reitera ao Goberno estatal a súa postura ante a quita da débeda nunha reunión técnica.
A Consellaría de Facenda da Xunta da Galiza reiterou esta segunda feira ao Goberno de Pedro Sánchez a súa postura ante a quita da débeda nunha reunión técnica que durou tres minutos, segundo informan fontes do departamento autonómico consultadas por Europa Press.
Mantida por vía telemática "a proposta do Ministerio de Facenda", a cita contou co secretario xeral técnico e do Tesouro da Xunta, David Cabañó, por parte do Executivo galego.
Por parte da Administración estatal, segundo as fontes consultadas de Facenda, "a directora do Ministerio de Facenda indicou que tomaba nota e trasladaríallo aos seus superiores". Así as cousas, o encontro deuse por terminado "tres minutos despois do inicio", asegura a Consellaría.
Cabañó lembrou aos técnicos do Goberno estatal "o que Galiza xa defendeu no Consello de Política Fiscal e Financeira: que ao Goberno galego non lle parecía procedente a proposta de condonación nin na forma nin no fondo", que "o urxente é revisar e actualizar o sistema de de financiamento" e que a quita "non vai solucionar os problemas de financiamento da Galiza, que non ten un problema de débeda, pero tampouco os doutras comunidades, xa que as máis endebedadas seguirán sen ter acceso aos mercados".