As 38 primeiras empresas eólicas con sede fiscal na Galiza empregan só 19 persoas
As economistas coinciden ao sinalar que as actividades enerxéticas son intensivas en capital mais non en emprego. Os últimos datos recollidos no Informe Ardán sobre a situación do sector eólico galego confirman esta tese e evidencian o escaso número de persoas ocupadas nesta actividade na Galiza.
O Informe Ardán é o estudo de referencia sobre sistema empresarial galego, elaborado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, que ofrece información de todas as compañías con enderezo fiscal no país cuxa facturación supera os 250.000 euros, con cifras referidas a 2023, último ano con datos. Neste sentido, o traballo desvela que as primeiras 38 empresas eólicas en facturación con sede na Galiza empregan unicamente 19 persoas no país.
Ardán non incorpora información daquelas compañías dedicadas á xeración eólica con actividade na Galiza pero con sede fiscal en Madrid. Nesta liña, non fornece datos de ocupación dalgunhas das principais empresas enerxéticas con presenza no territorio galego, como poden ser Iberdrola, Acciona ou Enel. Na maioría dos casos, o traballo de mantemento das instalacións desas mercantís é desenvolvido por empresas subcontratadas asentadas na Galiza.
As reducidas cifras de emprego do sector eólico contrastan cos elevados beneficios. A este respecto, o Informe Ardán, analizando as contas presentadas polas primeiras 38 empresas eólicas galegas no rexistro mercantil, sinala que a plusvalía de cada persoa traballadora en 2023 destas empresas se situou en 1,2 millóns de euros ao ano, e o custo medio por empregada, en 40.040 euros.
O valor engadido bruto (VEB) é unha magnitude macroeconómica que determina os beneficios xerados nun sector da actividade económica. No caso da produción eólica, o citado relatorio sitúa o VEB en 205,6 millóns de euros, tras cifrar os ingresos das 38 compañías do sector con enderezo na Galiza en 274,8 millóns de euros. Ao tempo, indica que o VEB medio por persoa empregada está en 782.277 euros.
Os datos achegados polo relatorio do Consorcio da Zona Franca de Vigo contradín as cifras fornecidas pola patronal eólica. Neste sentido, o Estudo Macroeconómico do Impacto do Sector Eólico en España en 2023, promovido pola Asociación Empresarial Eólica e elaborado pola consultora Deloitte, apunta que nesa anualidade as empresas do sector ocuparon na Galiza 3.764 persoas. Estas están en liña cos relatorios elaborados por organismos públicos. Así, un informe publicado en 2023 polo Banco de España co título de Do renewables create local jobs? –"Crean emprego local as renovábeis?"–, indica que os parques eólicos non xeran emprego naqueles concellos onde se instalan. Nesta dirección, apunta que "non atopamos incrementos de emprego nos meses próximos á apertura de parques eólicos nos municipios onde se sitúan as instalacións".
Este documento, elaborado pola catedrática da Universidade Carlos III Natalia Fabra e polos investigadores do Banco de España Eduardo Gutiérrez, Aitor Lacuesta e Roberto Ramos, estuda o impacto das instalacións renovábeis sobre o emprego en 3.200 concellos e conclúe que as plantas eólicas "non crean emprego nos municipios onde se instalan". Ao tempo, engade que as instalacións solares "aumentan o emprego, pero non das persoas residentes nos concellos" onde se emprazan.
A profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e autora da primeira tese de doutoramento sobre o sector eólico na Galiza, Rosa Regueiro, sinala a Nós Diario que “as actividades enerxéticas son intensivas en capital mais non en emprego; nunca o foron”. Nesta dirección, afirma que “desde a patronal eólica achegan cifras de emprego indirecto no sector que non se manteñen só co obxectivo de engordar as cifras de ocupados para darlle máis relevancia á eólica en termos de emprego”.
Tamén o profesor de Urbanismo e Ordenación de Territorio na Universidade de Granada e coordinador do volume Colonialismo enerxético, Alberto Matarán Ruiz, escribe que “tanto o Banco de España como os informes das grandes corporacións certifican que o emprego xerado polos megaproxectos de enerxías renovábeis se concentra no proceso de construción". Nesta orientación, concreta que "é fundamentalmente emprego precario" e que ten "moi pouca repercusión no territorio, como xa ocorreu con outras grandes obras públicas ligadas ao desenvolvemento dos encoros e á burbulla inmobiliaria.
Matarán destaca que "o relato dominante da transición enerxética e a consideración dos pobos da periferia como atrasados e habitantes de territorios baleiros é unha continuidade do colonialismo interno do Estado español e da Unión Europea".