Os alugueres creceron sete puntos máis que os ingresos dos fogares desde 2019

Gráfico correspondente ás cidades galegas desde 2019 até 2023. (Gráfica: Nós Diario)
A Enquisa estrutural de fogares (EEF) que fixo pública o Instituto Galego de Estatística (IGE) pon de manifesto que o gasto en aluguer medrou máis que os ingresos. Nalgúns casos, como o de Ferrol, este aumento do custo en vivenda habitual cuadriplicou ás achegas económicas que entran nas moradas cada mes.

O Instituto Galego de Estatística (IGE) deu a coñecer esta sexta feira a Enquisa estrutural a fogares (EEF), unha actividade estatística anual dirixida aos fogares da Galiza que ten por obxecto obter información sobre as súas características socioeconómicas dos mesmos con datos de carácter xeral, que se repite todos os anos, con información sobre variábeis básicas, e un segundo de carácter específico.

No documento que se presentou figura información relativa ao ano 2023 e, entre outras referencias, aparecen a contía dos gastos comúns teñen dos 1.103.240 fogares galegos existentes ao remate desse ano e a súa relación con diversas variables socioeconómicas, como é o caso dos ingresos e os gastos. 

Gastos en aluguer 

Se se recollen os gastos medios en aluguer, a enquisa sinala que 16,15 % dos fogares teno na súa vivenda principal e esta ten implica unha media mensual de 413,86 euros, unha vez contabilizadas as axudas públicas e descontados os gastos correntes que aparezan incluídos no recibo (como as que teñen a ver coa comunidade, auga e outras). 

Analizando os datos da enquisa desde o ano anterior á pandemia da Covid-19 (2019) en relación aos ingresos dos fogares galegos e o seu gasto en aluguer para afrontar a vivenda habitual, obsérvase que os gastos por este concepto aumentaron en diferente medida que os ingresos. Así, o ingreso medio mensual por fogar pasou a ser de 2.290 euros en 2019 a 2.698 euros en 2023 (+17,82%). Pola contra, o gasto medio mensual do fogar en aluguer da vivenda principal foi superior, pasando de 329,96 euros en 2019 a 413,86 euros en 2023 (+25,43%).

Ferrol á cabeza do gasto

Se se examinan os datos correspondentes ás cidades, tendo en conta ese mesmo período, o municipio urbano que tivo un maior aumento do gasto en aluguer por mes foi Ferrol, de 199,12 a 318,42 euros (+59,91%). Séguelle A Coruña, que pasou de 372,27 a 492,22 euros (+32,22%); Vigo, de 382,88 a 483,66 euros (+ 26,32%); Lugo, de 296,21 a 371,93 euros (+25,56%); Pontevedra, de 379,89 a 472,41 euros (+24,35%); Ourense, de 327,55 a 383,82 euros (+17,18%); e por último Santiago de Compostela, de 363,45 a 424,83 euros (+16,89%). 

En relación aos ingresos, a cidade que tivo un maior aumento de ingresos mensuais por fogar foi Ourense que pasou de 2.119 a 2.575 euros (+21,52); séguelle Vigo, de  2.495 a 3.005 (+20,44); Lugo, de 2.342 a 2.811 (+20,03); ; A Coruña, de 2.502 a 2.814 euros (+12,47);  Ferrol, de 2.237 a 2.499 euros (+11,71%); Santiago de Compostela, de 2.699 a 3.010 euros (+11,52); e por último Pontevedra, de 2.578 a 2.867 euros (+11,21%).         

Gasto en hipotecas

O EEF indica tamén que 15,88% dos fogares ten gasto en hipoteca da vivenda principal, cun importe medio de 466,19 euros ao mes. Por cidades, Pontevedra é a que conta cunha maior porcentaxe de fogares con gasto en hipoteca (19,84%) seguida de Lugo (18,21%), Santiago de Compostela (18,05%), Vigo (16,65%), Ferrol (16,39%), Ourense (13,08%) e A Coruña (12,42%). O maior gasto medio mensual en hipoteca rexístrase en Santiago de Compostela (557,10 euros), seguida de Vigo (547, 62 euros), Ourense (507, 26 euros), A Coruña (476, 29 euros), Pontevedra (472, 0,3 euros), Lugo (396, 35 euros) e Ferrol (385, 78 euros).    

Procedencia dos ingresos

Segundo a EEF, 51,09% dos ingresos dos fogares galegos procede do traballo por conta allea, 10,47% do traballo por conta propia, 35,79% de prestacións e 2,65% restante de rendas e outros ingresos. O informe só especifica os datos por provincia e indica que A Coruña e Pontevedra son as que teñen maiores porcentaxes de ingresos procedentes do traballo (62,47% e 63,67%, respectivamente), mentres que Lugo e Ourense son as que contan con maiores porcentaxes de ingresos procedentes de prestacións (38,53% e 41,87%).      

Risco de exclusión social

O informe tamén indica que máis de 40% dos fogares galegos chega con dificultade ou moita dificultade a final de mes e 17,3% está en risco de exclusión social. En concreto, 35,05% das familias galegas termina o mes con dificultade, mentres que 6,65%, con moita dificultade. Pola súa parte, 58,3% restante chega a día 30 con facilidade ou moita facilidade. "En 2023, a porcentaxe de fogares galegos que chegan con facilidade ou moita facilidade a fin de mes aumenta en 1,53 puntos", explica o mesmo informe.

Taxa de risco de pobreza

No ano 2023 a taxa de risco de pobreza da Galiza diminuíu 0,93 puntos até situarse en 13,61%. Esta taxa calcúlase como a porcentaxe de persoas cun ingreso equivalente inferior ao limiar de risco de pobreza, que se estabelece en 60% da mediana de ingresos equivalentes. 

Tamén facilitado por provincias, a taxa máis alta corresponde á de Ourense (17,06%) e a máis baixa á de Pontevedra (12,65%). Con respecto ao ano 2022, a taxa de risco de pobreza aumenta nas que corresponden á Coruña e a  Lugo (nesta última, en 1,35 puntos) e diminúe nas de Ourense e Pontevedra.