Zacaria Eddahchouri cre nas "boas sensacións" que ten no Dépor
Todo é optimismo no vestiario de Real Club Deportivo tras iniciar a tempada cunha vitoria a domicilio. Un dos protagonistas dese bo resultado, e tamén da pretempada como pichichi con 5 goles foi Zakaria Eddahchouri. O neerlandés compareceu en rolda de prensa esta quinta feira para falar do seu momento e tamén o do seu equipo.
"Creo que as sensacións son boas, non só para min, tamén cos meus compañeiros. Estou a traballar ben, a pretempada estivo ben, sumamos tres puntos para empezar… o inicio foi bo", indicou o xogador branquiazul na súa intervención.
Eddahchouri recoñeceu que este inicio é diferente ao do ano pasado. "Novo adestrador, novo sistema. O ano pasado era máis 4-3-3, agora con cinco defensas... É diferente, pero ao final tivemos unha boa pretempada, preparámonos ben para o traballo real e o que vén", indicou o xogador.
Traballar en equipo
O xogador deportivista reivindica o colectivo por enriba do individual no equipo. "Se son honesto, o que busco para min persoalmente é no que buscamos todos no colectivo. Imos día a día, partido a partido", aclarou. Neste sentido, Eddahchouri e o seu equipo xa teñen a cabeza ben concentrada no seguinte reto que será a estrea en Riazor ante a súa afección este mesmo domingo contra o Burgos CF.
"Creo que necesitamos á xente e o poder de Riazor. É moi importante para facer o noso traballo no campo", significou o dianteiro do Deportivo. Sobre a posíbel incorporación doutro atacante por parte do club herculino, o xogador non ten medo de que chegue aínda outro reforzo na súa zona. "Quen veña non é problema. Todo o que faga mellor ao equipo é bo, pero eu creo nas miñas condicións e no que podo facer", asegurou.