Yeremay aposta por ficar na Coruña e asina co Depor até 2030
O contrato é ampliábel 3 anos máis.
Yeremay Hernández asinou a súa renovación co Deportivo da Coruña malia o interese polo canario de diferentes equipos, tanto da Premier inglesa como da competición estadounidense.
O propio club herculino informou de que chegou a un acordo co internacional sub-21 para reforzar o seu contrato, que se estende até xuño de 2030, con opción de ampliación por 3 tempadas adicionais.
O novo contrato contempla tamén, informou a entidade deportivista a través dun comunicado de prensa, unha mellora na cláusula de rescisión fixada no contrato do futbolista canario, unha das estrelas de LaLiga Hypermotion.
O Dépor destaca que Yeremay apostou por continuar o seu crecemento na Coruña “malia o interese manifestado por varios clubs europeos de primeiro nivel”.
“A renovación de Yeremay tamén é unha demostración do importante esforzo do Club por reter o talento que considera chave para o seu proxecto deportivo, renunciando mesmo a importantes ingresos procedentes do pago das cláusulas de saída. O RC Deportivo prioriza consolidar un modelo competitivo con xogadores comprometidos co presente e futuro da entidade”, sinalou a entidade presidida por Escotet.
Neste sentido, o conselleiro delegado do Deportivo, o italiano Massimo Adalberto Benassi, apuntou que “hoxe é un día moi importante para toda a familia deportivista, un día de alegría e celebración por un xesto de compromiso, identidade e amor por este Club”.
“Yeremay decidiu quedar connosco a pesar de recibir importantes ofertas que lle abrían as portas dalgúns dos clubs máis importantes de Europa. Nun fútbol onde o diñeiro manda, Yeremay elixiu o Dépor. E iso convérteo nun símbolo do que estamos a construír”, incidiu.
Pola súa parte, Fernando Soriano, director de fútbol do equipo branquiazul, cualificou a noticia como “un paso firme” para consolidar o crecemento dun xogador formado en Abegondo.