Alberto Pombo, de 'Aquí tamén se fala': "A restitución do topónimo no nome do Dépor será unha data histórica para o fútbol galego e para a lingua"
Tras décadas de reivindicacións sociais e do movemento seareiro, o Real Club Deportivo dará un paso histórico o vindeiro mes de maio: incorporar oficialmente o nome correcto da cidade á súa denominación, converténdose en Real Club Deportivo da Coruña.
O Real Club Deportivo oficializará o vindeiro mes de maio un cambio que para moitos vai máis alá do simbólico: a adopción do topónimo correcto da cidade no seu nome. Así, a entidade pasará a denominarse Real Club Deportivo da Coruña, fechando unha longa etapa de debate e reivindicación arredor da identidade lingüística e territorial do club. A nova, avanzada na noite desta terza feira polo programa A Penaltis da Radio Galega, confirma a resposta do club a unha demanda histórica impulsada tanto por colectivos sociais como pola súa propia masa seareira.
Entre as iniciativas máis visíbeis destaca a da plataforma Aquí Tamén se Fala, artellada por profesorado e estudantado do IES Rafael Dieste da Coruña, que en febreiro organizaba unha mobilización nos arredores do estadio de Riazor. Baixo o lema “O Dépor é da Coruña”, o acto converteuse nun punto de encontro para reivindicar o cambio do nome do club para axustalo ao topónimo oficial. A convocatoria, que incluíu a actuación sorpresa de Grande Amore, evidenciou o amplo apoio social á causa.
Xa en xuño de 2025, coincidindo coa campaña, o Concello decidía mudar a placa da terceira rolda da cidade, inaugurada en 2011 e bautizada co nome do club en 2012, para denominala como rolda Real Club Deportivo da Coruña nun lugar perto do propio instituto.
Un dos responsábeis da idea, o director do centro, Alberto Pombo, explica a Nós Diario que se reuniron dúas veces co Deportivo para informar da campaña. "Antonte escribímoslle ao club anunciando as actividades para este 17 de maio, con outro concerto sorpresa como o que fixemos con Grande Amore, dentro da campaña e para que participaran", asegura. Agora, coa noticia na rúa, Pombo recoñece que viven unha "profunda celebración e moita alegría cunha data que será histórica para o fútbol galego e para alingua pola dimensión que ten o Deportivo".
Mais esta non é unha reivindicación recente. Xa nos anos noventa e comezos do século XXI, voces como a de Francisco Peña Díaz levaron reiteradamente a proposta ás asembleas de accionistas, sen éxito naquel momento. En declaracións a Nós Diario considera que.a decisión é “unha moi boa nova para a cidade e para a lingua galega”. En declaracións a Nós Diario lembra como 30 anos atrás comezou a pedir das asembleas do club este cambio, con Augusto César Lendoiro como presidente. “Con boas maneiras sempre dicían que estudarían este tema mais sen facer nada”, indica. Para Peña “era unha loucura que o nome do club fose diferente ao da cidade e, ademais, é importante para a normalización lingüística do galego. Sendo presidente da AC Alexandre Bóveda, e coa colaboración das peñas, denunciaron esta situación na bancada de Riazor en varias ocasións.
Co paso do tempo, o debate foi gañando forza e, de feito, en novembro de 2025 a propia entidade puxo a cuestión enriba da mesa a través dunha enquisa dirixida á súa masa social. Máis alá de medir o grao de satisfacción dos seareiros, aquela consulta abriu definitivamente un debate que levaba anos latente.