Un xulgado coruñés condena 'Roja Directa' a pagar 31,6 millóns de euros por piratear partidos de fútbol

Imaxe publicitaria de 'Roja Directa'. (Foto: Roja Directa)
Aínda que para o usuario o acceso era gratuíto, obtiña ingresos millonarios a través da publicidade e da cobranza de comisións por desviar tráfico a webs de casas de apostas deportivas.

O Xulgado Mercantil número 2 da Coruña condenou ‘Roja Directa', web de contido deportivo ilegal, a pagar 31,6 millóns de euros a Grupo Mediapro polos danos e prexuízos causados polo pirateo de contidos de fútbol propiedade do grupo.

Segundo informou esta sexta feira Mediapro, esta é a indemnización coa que 'Puerto 80' e o seu administrador, Igor Seoane, deben resarcirlle "polos danos e prexuízos ocasionados pola emisión de partidos de LaLiga cuxos dereitos afíns de propiedade intelectual" pertencíanlle "durante a tempada 14/15". Destes 31,6 millóns, Seoane é responsábel solidario de 15,8.

"O cálculo da indemnización fíxose en base á contraprestación económica que 'Puerto 80 Projects' debería abonar a Grup Mediapro para ter acceso ao sinal.

Case 10 anos despois do inicio das actuacións xudiciais, Grupo Mediapro conseguiu pechar a web no Estado e fixar unha indemnización pola infracción de dereitos afíns de Propiedade Intelectual", engadiu a compañía audiovisual.

Mediapro lembrou que xa en 2022, o Tribunal Supremo declarou 'Puerto 80 Projects' e a Seoane, responsábeis das actividades ilícitas levadas a cabo por ‘Roja Directa' por distribuír ilegalmente partidos de LaLiga e obter grandes beneficios económicos por iso.

'Roja Directa' daba acceso no Estado español a contidos ilegais vulnerando os dereitos de propiedade intelectual a través de ligazóns que permitían ver en directo os partidos da liga española e outros contidos deportivos que se emitían en televisión de pago.

Aínda que para o usuario o acceso era gratuíto, 'Puerto 80 Projects' obtiña ingresos millonarios a través da publicidade e da cobranza de comisións por desviar tráfico a webs de casas de apostas deportivas. Informes periciais xudiciais de 2022 evidenciaron ingresos de máis de 11 millóns de euros nunha soa das contas da sociedade.