A PREVIA | Xornada decisiva na Copa do Rei para os conxuntos de fúbol sala

Encontro do Marín e o Burela feminino desta pasada fin de semana. (Foto: Burela FS).
Esta terza feira xogan dous equipos masculinos e tres femininos.

Semana de Copa do Rei e da Raíña para o fútbol sala galego. Na categoría masculina, esta terza feira xoga o Noia Portus Apostoli co Levante (Poliesportiu Insular Blancadona, 20.30 horas) e o Parrulo co Nafarroa (A Malata, 20.30 horas). O Burela terá que agardar a ter o seu encontro, ante o Eivissa nas Illes Balears, o 10 de decembro.

Na previa, esta segunda feira, o técnico do Noia, David Palmas, recoñeceu que cos encontros entre semana "non hai tempo para preparar os partidos" aínda que para o caso "todos os equipos estamos igual". A Copa, malia que é unha competición "importante" non é para o adestrador "o que nos dá de comer". O equipo noiés enfocará o choque "con ilusión" e a idea de "cambiar a dinámica negativa dos últimos partidos".

O Parrulo, pola súa parte, recibe un equipo de Primeira División. O seu adestrador, Gerard Casas, afirmou esta segunda feira na previa que este partido de Copa era unha “gran oportunidade de traer a un equipo da máxima categoría” polo que será un día especial “para a afección e para os nosos xogadores”, polo que afrontarán esta eliminatoria “con ilusión”. Sobre o rival, Casas sinalou que é un equipo que na actualidade “está a sufrir” na categoría co obxectivo de “permanecer nela” e, como tamén os ferroláns, “priorizarán a liga á Copa”.

Con todo, afirmou que é unha competición bonita “sobre todo para as afeccións”, polo que non dubida que “virán competir, a demostrar que son dunha categoría superior á nosa e vannos a poñer contra as cordas”. Para o técnico, o rival ten “unha mestura de experiencia e mocidade”, con veteranos “cunha ampla traxectoria”. 

Categoría feminina

Na categoría feminina esta terza feira xogarán o Poio na casa do Esplugues (CEM Les Moreres, 18.45 horas), o Castro na do Intersala Promesas (Pavillón de La Granja, 20.30 horas) e o Burela na do Bembrive (Vicente Álvarez Núñez, 21 horas). Esta cuarta feira tocaralle ao Marín que visita ao Leganés (Pavillón Europa, 20 horas), ao Ourense que viaxará até a cancha do Rodiles (Pavillón de Villaviciosa, 20.15 horas) e o Ferrol que recibirá ao Roldán (21 horas). 

No conxunto feminino do Burela, as discípulas de Julio Delgado comezan a súa participación neste torneo ante un equipo que actualmente está terceiro clasificado no grupo primeiro de Segunda División e que o ano pasado quedou ás portas do ascenso á máxima categoría. As olívicas acumulan 22 puntos grazas ás súas sete vitorias, un empate e dúas derrotas nas dez primeiras xornadas ligueiras. Atópanse a un punto das segundas, o Grupo Forma-T Vilalba, e a dous das lideresas do grupo, o Raio Maxadahonda.

O técnico das laranxas é consciente de que se miden a un bo equipo, pero tamén de que o seu parte como favorito. “Enfrontámonos a un dos equipos punteiros da Segunda División. Xa o demostrou o ano pasado xogando o play off e esta tempada tamén está na parte alta da clasificación”, advirte Delgado.

O Poio, pola súa parte, chega ao partido tras frear a súa liña ascendente ligueira despois das derrotas ante Futsi e Ourense. A pesar diso, seguen a un punto do playoff polo título. Na convocatoria para esta terza feira, ademais da coñecida baixa de Anna Escribano, tampouco estará Elena Aragón. Sobre o rival, o Esplugues, lembran que venceu ao AECS L’Hospitalet na primeira rolda e é o líder destacado do grupo dous de Segunda División, onde suma nove vitorias e un empate.