Williot Swedberg abre a caixa das renovacións e segue até 2029
Williot Swedberg seguirá vestindo de celeste catro anos máis, até 2029. Tal e como explicaba esta quinta feira Nós Diario, o Celta decidiría estes días a renovación de varios xogadores, entre eles o atacante sueco, unha confirmación que chegou en forma de comunicado por parte do club. Agora quedaría pendente o futuro de Carlos Domínguez, Óscar Mingueza, Marcos Alonso e Fran Beltrán.
A continuidade de Swedberg, apunta a entidade que preside Marián Mouriño, reforza "a aposta do club no talento novo cun xogador con gran proxección e calidade". Desde a súa chegada á cidade olívica en 2022, o xogador demostrou unha evolución constante.
A pasada tempada disputou 32 encontros de liga, 15 deles como titular, nos que anotou 4 goles e repartiu 5 asistencias, consolidándose como unha peza chave no ataque celeste. Seu foi o pase a Iago Aspas no Coliseum ante o Xetafe, que certificou a clasificación celeste a Europa League oito anos despois.
Sobre a volta de Borja Iglesias ao Celta, varios medios de comunicación apuntan que xa hai acordo entre o club celeste e o Betis. O xogador compostelán viaxou onte até a Galiza para participar, xunto a Claudio Giráldez, nun programa da TVG.
Reforzo no Dépor
No Real Club Deportivo, pola súa parte, a saída antonte de Helton Leite abre a posibilidade para que a próxima entrada sexa nesta demarcación. Segundo o xornal As o reforzo podería vir da man de Álvaro Fernández. O actual porteiro do Sevilla non conta para o seu técnico, Matías Almeyda, polo que o club andaluz estaría disposto a facilitar a operación aínda que non a través dunha cesión como quererían na Coruña.
O conxunto que dirixe Antonio Hidalgo adestrarase de novo esta sexta feira a partir das 10.30 en Abegondo (comarca da Coruña) xa coa 80º edición do Trofeo Teresa Herrera no horizonte do sábado (Riazor, 20 horas). A novidade onte foi a recuperación de Ximo Navarro que xa adestrou co resto do equipo.