Iago Aspas volve facer historia co Celta: tiña que ser el
Un novísimo Iago Aspas confesaba ante as cámaras da TVG hai máis dun cuarto de século cal era o seu soño: "Xogar no Celta dos maiores". O moañés daba daquela os seus primeiros pasiños nas categorías inferiores dun equipo comandado polo zar Mostovoi, para moitos o mellor futbolista que vestiu a celeste... até que Aspas, ano tras ano, permanencia agónica tras permanencia agónica e con grandes éxitos polo camiño, acabou por disipar calquera dúbida. O propio astro ruso asegurou tamén en máis dunha ocasión que a grande estrela da historia do Celta foi o dianteiro galego.
No partido desta quinta feira fronte ao Niza o '10', quen xa era o máximo goleador celeste, tornou tamén no que máis veces se enfundou esta camisola ao alcanzar o seu partido número 534, un por riba do 'Gran Capitán', Manolo. "Malia que pareza unha despedida, aínda me quedan sete meses de contrato e moitos partidos para seguir desfrutando", dixo Aspas, visibelmente emocionado, na homenaxe –espectáculo de drones incluído– que lle brindou o Celta ante un Balaídos entregado ao seu ídolo ao termo do encontro, que rematou con vitoria celeste (2-1) tras un comezo que parecía escrito: golazo de Iago Aspas no primeiro minuto.
Malia que en Vigo pareza un tema tabú, a fin da 'era Aspas' aproxímase e a afección celebra cada actuación súa practicamente como unha homenaxe a quen o deu todo polo Celta. Mais futbolistas coma el, tocados pola vara máxica do talento, xogan un papel chave no campo até o momento mesmo de colgaren as botas. E Iago, aos seus 38 anos, segue a deleitar co seu fútbol cada vez que pisa o céspede e fai tremer os seus rivais, como di a popular canción que corea Balaídos cando marca.
Tiña que ser el
Case que como unha premonición, a primeira vez que Iago Aspas viaxou co primeiro equipo foi nunha cita europea, na visita ao Newcastle en 2006 cunha expedición comandada por Fernando Vázquez e da que facía parte o irmán do dianteiro moañés, Jonathan, se ben Iago non tivo minutos. Aquela foi a tempada do dramático descenso e das grandes débedas, e ao remate do curso seguinte, sen nada en xogo, tivo a súa primeira titularidade en Segunda, no Helmántico de Salamanca.
A súa estrea en Balaídos estivo á altura da maior lenda do club. Foi o 6 de xuño de 2009, co estadio ateigado e ante o Alavés, nunha cita a vida ou morte que podía deixar o Celta ao bordo do abismo da Segunda B que poría en serio risco a viabilidade do club. Eusebio apostou por este rapaz para desatascar o empate sen goles e o resto xa é historia. "Sempre se me pon a pel de galiña cando o lembro. Para min foi tocar a gloria", confesou recentemente un Aspas que aquel día saíu a ombros do seu amigo Dani Abalo dun estadio que apenas sabía del que xogaba no filial e que era o irmán pequeno de Jonathan Aspas, pero que xa intuía que o talento daquel rapaz de 21 anos estaba fóra do común.
E desde o primeiro momento demostrou ser un xogador especialmente pasional, que sentía as cores como ninguén e que protestaba cos seus característicos espaventos, como un afeccionado máis, cada decisión arbitral que consideraba inxusta ou un erro clamoroso do seu equipo, o que tamén lle xogou algunha que outra mala pasada. Catro partidos de sanción e 3.000 euros de multa caéronlle pola cabezada ao deportivista Marchena no tenso derbi en Riazor da tempada da agónica permanencia, o que lle custou a derrota ao Celta. "Non estamos xogando no patio con colegas. Se dormes con nenos, érgueste mexado", reprochara o seu compañeiro Mario Bermejo tras o choque. Leccións de vida das que sen dúbida aprendeu.
Aquel verán o moañés partiu cara ao Liverpool de Gerrard, Coutinho e Luis Suárez e logo dunha campaña infrutuosa foi traspasado ao Sevilla, co que gañou a Europa League mais sen apenas minutos, o que reprochou a Unai Emery –anos despois, todo hai que dicilo, o técnico recoñeceu que o xogador co que sente que foi máis inxusto na súa carreira foi Aspas–. Os seus pobres números neste breve 'Erasmus' propiciaron o seu retorno. Porque, para alguén como Iago, que gostaba de xantar coa súa nai tras os adestramentos e pasar o tempo cos colegas en Moaña, como na casa, en ningún sitio. Baixo a batuta de Berizzo e grazas á sociedade que formou con Nolito e Orellana, no ano do seu regreso devolveu o club a Europa e a unhas semifinais de Copa.
Con Iago Aspas no campo sucedéronse as noites máxicas, con goles para a galería que celebraba sempre sinalando e bicando o escudo. Como a ave fénix, voltou ao céspede de Balaídos tras unha longa lesión e co equipo case afundido no descenso, para remontar un 0-2 ao Vilarreal el só -quen se non-. Non hai rival nin desafío demasiado grande para el. Se algo o define é ese don que poucos teñen para facer posíbel o imposíbel. Demostrouno na Liga -con catro trofeos Zarra e innumerábeis momentos que recordar-, na Copa -levando o equipo a dúas semifinais consecutivas- e na Europa League -nunca antes a gloria estivo tan perto-.
“Un grupo de rapaces, de amigos, atrincheiramos o United na súa casa, fomos mellores ca eles. E estou seguro de que volveremos”. Difícil esquecer as palabras de Aspas tras quedar a un disparo de Beauvue de meterse na final da competición fetiche en Vigo. O celtismo tomoulle a palabra; obviamente, cumpriuna. Novamente el foi quen, tras varias tempadas ao bordo do abismo, acabou devolvendo o Celta a Europa.
Após 534 partidos, a historia de Iago Aspas, por fortuna para a afección, aínda se segue escribindo. Na súa cabeza retumban aínda as palabras de Berizzo: “Algún día golpearemos tan forte a porta que caerá”. Se alguén o fai, será el.
O rapaz que mentiu coa idade para xogar
O destino de Iago Aspas estaba escrito desde o seu nacemento e el sempre o tivo ben claro. Por iso, cando con oito anos acudiu ás probas de acceso á canteira do Celta e viu que a inscrición se limitaba a rapaces nados en 1986 –el é de 1987–, seguindo o consello do seu tío, non dubidou en mentir. E, claro está, malia ser o máis cativo e miúdo de todos aqueles nenos, conquistou co seu talento os técnicos responsábeis da proba.