Victoria do Celta en Balaídos entre Cigarróns, Boteiros e fulións de Entroido
"Fieis ás nosas tradicións". Con esta declaración o Celta de Vigo completou este 8-M a primeira edición da homenaxe ao Entroido tradicional da Galiza. Foi nos prolegómenos do partido de Liga contra o Leganés, disputado este 8 de marzo en Balaídos con vitoria 2-1 para os de Diego Giráldez, que suman cinco xornadas sen perder.
No minuto 19 da primeira parte adiantouse o Leganés cun gol de Rosier, pero Mingueza non tardou en igualar o marcador para os celestes, que culminarían a remontada antes do descanso. O árbitro pitou un penalti a prol do Celta que anulou o VAR na revisión da xogada. Cos 45' cumpridos Alfon asinaría o gol definitivo do partidos, coa segunda metade aínda por xogar. Foi destaca o RC Celta un "triunfo histórico", o número 500 do equipo como local.
Tempo de entroido
Porén, os primeiros en saltar este sábado ao terreo de xogo foron os Cigarróns de Verín e os Boteiros e os Fulións de Viana do Bolo, os primeiros convidados a Balaídos dunha longa lista de personaxes propios do Entroido galego que o Celta prometeu convidar cada ano ao seu campo.
"Merdeiros, Pantallas, Cigarróns, Peliqueiros, Boteiros, Madamas, Galáns, Máscaras, Xenerais… Son decenas os personaxes tradicionais do Entroido en Galicia, unha celebración ancestral que forma parte da identidade da nosa terra. A riqueza e diversidade desta festividade convértena nun tesouro cultural que o RC Celta quere contribuír a transmitir ás novas xeracións e dar a coñecer ante toda a audiencia de LaLiga", avanzou o Celta nun comunicado.
Desta forma, o club cumpriue deu un paso máis no seu afán por "dar visibilidade e pór en valor o patrimonio cultural" da Galiza. Cigarrón e Boteiros percorreron as gradas do estadio, aínda baleiras antes de pisar o céspede de Balaídos ante os seareiros celestes.
Saltaron ao campo pouco antes da saída dos xogadores, enchendo de cor e enerxía un estadio afeito a grandes emocións. "A intención do club é que, cada ano, Balaídos renda homenaxe a diferentes figuras do Entroido, recoñecendo así a riqueza e variedade desta festividade en toda Galiza.
As Celtas, contra o Dépor B
Tras o Celta - Leganés e á espera do inicio do partido entre As Celtas e o Dépor B, a celebración do Entroido continuará nos exteriores do estadio. Até as 19 horas, hora prevista para ese segundo encontro, a afección poderá gozar de música ao aire libre e comida propia destas datas; como filloas, orellas, flores de Entroido e tamén "da emblemática empanada galega".
A xornada concluirá cun partido crucial para As Celtas, que se medirán ao Deportivo da Coruña B nun partido crucial para as súas aspiracións de ascenso na súa primeira tempada de competición.