As traiñeiras galegas renuncian a competir no Campionato de España

Foto: Maider Celada-Liga San Miguel

Tirán, Cabo de Cruz, Samertolameu de Meira e Amegrove non vogarán en Castro Urdiales polo título español por motivos económicos e deportivos. Na Liga ACT hai cambio de liderato (Hondarribia) e na Liga Galega, Meira e Mecos mantéñense en proa.

Non haberá esta fin de semana traiñeiras galegas no Campionato de España, que se disputa en augas cántabras (Castro Urdiales). Ningunha das catro embarcacións que gañaron o dereito a competir nesa cita van acudir: Cabo de Cruz, Tirán, Samertolameu de Meira e Amegrove. As razóns son económicas e deportivas.

Económicas porque o orzamento dos clubes galegos (moi baixos en comparación con cántabros e vascos) xa de por si acuchados non pode asumir desprazamentos tan longos. Desde Amegrove recoñecían recentemento no Diario de Arousa que o ano pasado acudir a ese campionato en Castro-Urdiales supúxolles un custo de case 4.000 euros.

E razóns deportivas, porque as tripulacións prefiren un descanso nos corpos e non competir nesa cita de Campionato de España. Hai que medir as forzas, máxime tendo en conta que Meira e Amegrove recibiron convite para a clasificatoria da Concha, a regata por excelencia. E hai que se dosificar para chegar a esa gran cita sen desfalecer.

Liga ACT, Hondarribia colle o liderato

Após as regatas desta fin de semana (Getxo e Ziérbana), a Liga ACT ou San Miguel ten novo líder, a traiñeira de Hondarribia, con 96 puntos. Catro por detrás está Orio e en terceiro posto Kaiku. As representantes galegas son quinta (Tirán) e sexta (Cabo de Cruz). Na regata de Getxo, a vitoria foi para os vogadores hondarribitarras, que lle meteron 7 segundos a Orio. A traiñeira de Cabo gañou a súa tanda e finalizou quinta. Na competición en augas de Ziérbana, Tirán finalizou no sétimo posto e Cabo de 11º. Aquí o triunfo foi para Urdaibai por escasas 3 décimas sobre os de Hondarribia.

LGT-A: Meira e Amegrove

Na categoría A da Liga Galega de Traiñeiras (compiten 8 embarcacións) Samertolameu de Meira mantén o liderato após gañar esta fin de semana en Mugardos e ficar segundos na cita en Vilaxoán. A súa perseguidora, a embarcación de Amegrove (segundos na táboa), conquistou a bandeira en Vilaxoán e finalizou segunda en Mugardos. 

Esta fin de semana deixa tamén cambio na pugna que Vilaxoán e Mugardos manteñen polo terceiro posto, agora en mans dos mugardeses, que ficaron terceiros tanto na regata en casa como na de Vilaxoán. Os de Vilaxoán non puideron pasar do cuarto posto en Mugardos e na súa casa finalizaron nun pobre sexto posto.

LGT-B: Mecos

Nesta fin de semana só decorreu unha regata na categoría B (9 traiñeiras), en Cesantes, e que meteu a bordo Mecos, por diante de Perillo, Bueu e Coruxo. A competición segue liderada por Mecos con 56 ptos, 4 por diante de Coruxo e Perillo, empatados a 52.