Teresa Portela renuncia a presentarse co equipo español de piragüismo

A padexeira canguesa Teresa Portela, en Vaires-sur-Marne, durante os Xogos Olímpicos de París 2024. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
A sete veces olímpica critica as condicións que impón a federación.

A padexeira galega Teresa Portela (Cangas de Morrazo, 1982),  primeira deportista galega e do Estado español en participar en sete Xogos Olímpicos -entre os anos 2000 e 2024- denunciou esta segunda feira nas redes sociais a súa situación e anunciou que non se presentará para entrar esta tempada na selección española. 

A deportista do Morrazo, a través dun vídeo, explicou a decisión de non presentarse ás probas de clasificación que se realizaran en Sevilla (Andalucía) pasadomañá. "Despois de 25 anos de dedicación, esforzo e compromiso coa miña profesión e co desenvolvemento do piragüismo feminino en España, e tras a publicación, fai apenas un par de semanas, dos criterios definitivos establecidos pola RFEP, tomei a difícil decisión de Non asistir a este selectivo" explicou. 

Na mensaxe que fixo pública a padexeira xustificou tomar esta decisión pola “ausencia de adestrador desde o inicio de tempada. Desde outubro até finais de febreiro, non se creou o Equipo Nacional Absoluto feminino; a diferenza doutros grupos. O que implicou adestrar sen o acompañamento técnico necesario, sen unha planificación adecuada”.

Outra das razóns da canguesa foi que implicaría integrarse no equipo estatal, cuxa base agora mesmo trasladouse até Sevilla. "Esta condición non a contemplo, para min é inviábel. Desde hai 11 anos, o meu día a día supuxo un desafío constante para poder equilibrar a conciliación entre a miña vida familiar e a miña carreira deportiva. Polo que creo que existen outras opcións, que poden ser viábeis; por exemplo, que a competición de K4 sexa unha competición aberta en que calquera moza de calquera recuncho de España teña o dereito para presentarse, non limitala a quen estea concentrado en Sevilla".