Sorteo da Copa do Rei: Estes son os rivais dos equipos galegos na primeira rolda
A Federación Española de Fútbol celebra o sorteo da primeira rolda esta segunda feira ás 13 horas. A competición comezará entre o 28 e o 30 de outubro e inclúe sete equipos galegos.
O fútbol galego estará moi presente no sorteo da primeira eliminatoria da Copa do Rei 2025-26, que decorrerá esta segunda feira ás 13 horas. En total, sete equipos galegos participarán nesta fase: Celta, Deportivo, Racing de Ferrol, Pontevedra, Ourense CF, UD Ourense e SD Negreira, que esta segunda feira coñeceron os seus rivais na primeira fase eliminatoria da competición.
Así, o Celta é único equipo galego que chega á Copa do Rei desde a Primeira División. O Deportivo competirá desde Segunda División, mentres que Racing de Ferrol e Pontevedra CF representan a Primeira Federación. O Ourense CF chega á Copa tras alcanzar as semifinais da Copa Federación. A UD Ourense faino tras resultar gañadora da Terceira Federación a tempada pasada. A SD Negreira, pola súa parte, faino tras gañar ao Textil Escudo na rolda previa da Copa do Rei.
Dos boles da Federación saíron 56 duelos que se disputarán entre os días 28 e 30 de outubro. Os equipos clasificados accederán á segunda rolda, prevista para o 3 de decembro. No calendario desta edición, os dezaseisavos de final xogaranse o 16 de decembro, os oitavos o 14 de xaneiro, os cuartos o 4 de febreiro, e as semifinais terán lugar o 11 de febreiro (ida) e o 4 de marzo (volta).
Así, a SD Negreira medirase á Real Sociedad, mentres que o Ourense CF recibirá na cidade das Burgas o Real Oviedo. Pola súa parte, o Celta viaxará a Asturias para o seu duelo co Puerto de Vega CF.
Ao Deportivo da Coruña tocoulle no sorteo a UD Sámano, polo que os branquiazuis terán que viaxar a Cantabria. Tamén se desprazará o Racing de Ferrol, neste caso até a casa da UD Popular de Langreo. Ademais, haberá derbi galego: a UD Ourense recibirá o Pontevedra CF no Couto.
Nesta edición, mantense intacto o formato: a partido único (sen VAR) e sempre exercendo como local o equipo de categoría inferior, sempre que as súas instalacións cumpran os requisitos mínimos da RFEF. Só nas seminifais as eliminatorias decidiranse a ida e volta. Aliás, coma sempre, catro equipos non participarán nos sorteos até dezaseisavos por disputar a Supercopa; nesta edición serán Real Madrid, Barcelona, Atlético de Madrid e Athletic de Bilbao.
Con todo, a Federación introduciu un novo criterio xeográfico que condicionará os emparellamentos das dúas primeiras roldas, dividindo os 112 clubs participantes en catro grupos. Os galegos foron incluídos no Grupo 1, xunto con equipos do norte e noroeste do Estado: Euskadi, Asturias, Castela e León, Cantabria e A Rioxa.
No Grupo 2 estarían Navarra, Balears, Catalunya, Aragón e Andorra, mentres que o País Valencià, Andalucía, Ceuta, Murcia, o Club Deportivo Toledo e a UD San Sebastián de los Reyes integran o Grupo 3. Por último, no Grupo 4 estarían Madrid, Castela-A Mancha, Canarias, Estremadura e a UD Ibiza.