As seleccións nacionais galegas de fútbol gaélico emproan cara a Bretaña para traer a Galiza a Euro2018

Canda Galiza competirán polo título seleccións como  Bretaña, Francia, Alemaña ou Occitania.

O EuroGames 2018 é o primeiro campionato de seleccións europeas de fútbol gaélico que se realiza. Vai ser en An Oriant (Bretaña) esta fin de semana e no marco do Festival Intercéltico, marco incomparábel que reúne ducias de miles de persoas. As selección feminina e masculina de Galiza van competir no Euro2018, torno no que tamén estarán combinados como o de  Bretaña, Francia, Alemaña e Occitania.

 

As  selección nacionais de Galiza levan semanas preparando esta cita. “Estamos con moita ilusión e ganas” -explica o adestrador da selección masculina Alexandre Sanmartín “Jano”- “mais é certo que se nota a tempada; a liga empezou en setembro e os xogadores levan practicamente un ano sen descanso polo que tivemos qua adaptar os adestramentos a esta circunstancia”. “Con todo”, aclara, “cremos que chegamos a este torneo cun bo equipo e a un bo nivel”.

 

Nisto coincide o tándem formado polos adestradores da escadra feminina, Pablo da Silva, e Santi Rodríguez, que consideran que “a selección chega no seu mellor momento e nun gran estado físico  grazas a moito tempo de preparación”.

 

A expedición galega partirá esta sexta feira cara Bretaña dende o aeroporto do Porto. O EuroGames desenvolverase baixo un formato de liguiña a modo de fase previa, que terá lugar o sábado durante todo o día e que clasificará aos dou primeiros  para a gran final que se vai xogar o domingo a partir das 13.00 horas (masculino) e das 15.00 (feminino). Os partidos serán de 9 contra 9 e na fase previa terán unha duración de 12 minutos por parte en masculino e de 15 en feminino. As finais contarán con dúas metades de media hora.

 

As Seleccións Galegas viaxan cunha lista de 14 persoas convocadas por equipo. As listas son as seguintes:

 

Feminino

Leti (Fillas), Lucia (Estrela Vermella), Ánxela (Estrela Vermelha), Paula (Fillas), Lore (Herdeiras de Dhais), Sonia (Fillas), Laura (Fillas), Carme (Pontevedra), Alba (Auriense), Mery (Fillas), Naza (Herdeiras de Dhais), Laura Nercellas (Herdeiras de Dhais), Uxía (Estrela Vermelha) e Vane (Estrela Vermelha).

 

Masculino

 

Mancu (Irmandinhos), Julián (Fillos), Brais (Estrela Vermelha), Jacobo (Auriense), Juve (Irmandinhos), Bermejo (Estrela Vermelha), Kanario (Irmandinhos), Panzu (Irmandinhos), Santalla (Herdeiros de Dhais), Álex (Estrela Vermelha), Adriano (Estrela Vermelha), Couso (Estrela Vermelha), Leborán (Estrela Vermelha), e Víctor (Fillos).

 

Dende a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) agradecen a todas as entidades, patrocinadores e persoas que colaboraron de diferentes maneiras no proceso de xestión e preparación: Federación Galega de Fútbol, Camino Ways, Gaelic Sport Shop, Tórculo, Nor Rubber, Doira Guías Turísticos en Galicia, A Cova Céltica, Xuntanza Cervexería, Asociación de Veciños de Marrozos, Concello de Santiago, Concello de Lalín, Concello de Ames, Concello de A Estrada, Concello de Ordes.