Seedorf:"Hai que ser positivos"

Clarence Seedorf e Tino Fernández

Sétima carta en xogo de Tino Fernández, sétimo treinador en 4 anos. O presidente do Dépor ten esgotado o cupo de fracasos. Na súa apresentación esta segunda feira, Seedorf vendeu optimismo e até se reivindicou como adestrador.

Ou Seedorf ou nada. Non hai máis percorrido por diante. Iso sábeno en Praza de Pontevedra. Tino Fernández coñece os movimentos que hai na contorna do clube e que poderían cristalizar nunha candidatura alternativa da órbita lendoirista. Daí a trascendencia -e o alto risco- da última xogada. A fichaxe dun treinador sen coñecimento da actual liga e do plantel deportivista, e con moi escaso currículo como técnico ás súas costas.

 

"É un líder e necesitabamos un líder", afirmou Tino Fernández na apresentación do holandés. A mensaxe é que o vestiario precisa de alguén ao que os futebolistas podan ver cunha mestura de admiración e respeito. O historial de Seedorf como futebolista é impresionante: o único até agora en conquistar a Champions con tres escadras distintas (Ajax, Real Madrid e Milan) [o caso de Etoo non é comparábel, porque o camerunés no seu paso polo Madrid apenas pisou o céspede]. É sabido que os xogadores costuman outorgar máis crédito aos treinadores que tiveron un pasado glorioso no campo de xogo. Esa é a baza de Seedorf.

 

Canto á súa inexperiencia como técnico, o de Surinam -naceu en 1976 nese país sudamericano colonizado polos holandeses- tirou esplendor á súa relativamente efémera estancia no banco do Milan. "Fixemos 35 pontos en 19 partidos. A equipa estaba a tres pontos da parte baixa e subímola á sétima praza", dixo.

 

No seu primeiro alegato como técnico branquiazul, Seedorf chama a "cambiar a enerxía". "Hai que ser positivos. Hai que acreditar no que un fai. Procurar a sorte", dixo.  E cero medo pola situación en que se acha a equipa, a tres pontos da salvación: "Son unha persoa que gosta de apañar a pataca quente. É doado entrar onde todo funciona. Atopámonos [co presidente], tiña feeling e estou aquí. Creo que é posíbel, creo que podo dar algo importante ao clube e o clube, algo importante a min tamén".

 

Seedorf asina só polo que fica de temporada. "El non nos plantexou nada", dixo Fernández sobre a súa continuidade alén de xuño.Todo dependerá da consecución do obxectivo.