RTVE ofrecerá por primeira vez a narración en galego dos partidos da selección española
RTVE ofrecerá por primeira vez na historia a narración en galego dos partidos da Selección Española o sábado e a terza feira ante Xeorxia e Bulgaria, respectivamente. Segundo informou o ente público nun comunicado, a transmisión ofrecerá a opción de escoller a lingua galega mediante a segunda pista de audio dos televisores ou ben manter a primeira coa narración en castelán.
Tras o anuncio do presidente de RTVE, José Pablo López, a Mesa pola Normalización Ligüística, espera que este paso sexa o primeiro de todos os compromisos adquiridos o pasado mes de marzo, nunha xuntanza mantida co presidente e coa secretaria xeral da entidade de defensa da lingua. Segundo lembra nun comunicado, naquela xuntanza, López dixo que antes de rematar o ano 2025 habería un aumento de contidos en galego en TVE e comezarían as emisións en galego en Clan. No mesmo encontro, o presidente de RTVE asegurou aos representantes da asociación a favor do galego que tamén se incrementaría a presenza da nosa lingua nos contidos radiofónicos do ente estatal.
A Mesa reclamáralle entón ao máximo responsábel da RTVE celeridade no cumprimento da lexislación, lembrando que só 0,9 dos contidos audiovisuais están en galego e que RTVE debe cumprir os mínimos que estabelece a lexislación incorporando o galego aos seus contidos en Clan e asegurando que cando menos o 2,5% dos seus contidos están en galego. A Mesa recordou que o Estado debe garantir unha radio e unha televisión en galego tal e como establece o artigo 11 da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas.
Retransmisión en galego
A narración correrá a cargo de Carlos Jiménez, habitual narrador de grandes eventos para RNE, e Enrique Morales, redactor de deportes de RTVE en Vigo e as achegas técnicas de Manel Fernández Anidos, ex futbolista internacional da sub-21 para co equipo estatal, que xogou no Celta e no Racing de Ferrol.
O España-Xeorxia que se xogará este sábado, día 11, ás 20.45 horas no Martínez Valero de Elxe, e o España-Bulgaria, da vindeira terza, 14 de outubro, en Valladolid tamén ás 20.45 horas, ofrecerán a opción da narración en galego.
O encontro do martes 14 tamén se poderá seguir pola 2Cat, que comeza as súas emisións a segunda feira 13 e volverá emitir os partidos da Selección e da Copa do Rei en catalán. David Figueira e Chapi Ferrer porán as súas voces nesas retransmisións.