A rivalidade marcará a Supercopa de billarda e chave que acollerá A Coruña
O mellor da billarda e a chave galega teñen unha cita na Cidade deportiva Arsenio Iglesias da Coruña. Nesta instalación, a partir das 17 horas, decorrerá a supercopa de ambos os dous deportes con dúas finais consecutivas organizadas pola Federación Galega de Deporte Autóctono, unha experiencia que se iniciou en 2022 cando ambos os dous deportes coincidiron dentro dun mesmo organismo federativo.
A primeira cita será coa billarda que se xogará de maneira individual reunindo das conferencias Noroeste e Rías Baixas un total de oito participantes na categoría absoluta, catro da feminina e catro na infantil.
"A rivalidade entre ambas conferencias é total", asegura a Nós Diario o membro do Comité Técnico desta modalidade deportiva, Xan Rodiño, gañador da absoluta en 2023 con Lúa de Forza. Así en 2022 levou o título Che Garrido, de Rinoceronte de Pontevedra, e o ano pasado Juan Carlos Cancela de Campo da Feira. Para chegar á Supercopa as vías foron quedar en primeiro lugar na tempada anterior ou ter os mellores resultados na última xornada de competición.
Na final de chave, pola contra, competirán o Ans e o San Cristobal (campión e subcampión da liga do ano pasado). "Será un partido disputado", considera o responsábel deste deporte na Federación, David Castelo. Nas anteriores supercopas o gañador foi o San Cristóbal mais as forazs está igualadas. "Este ano só houbo un choque que egañou o San Cristóbal por dúas chaves e bateuse o récord de tanteo cun resultado final de 156-158.
Como nas anteriores ocasións os dous eventos retransmitiranse en directo por AGalega e despois o domingo en diferido a través da TVG2.