A revolución de Claudio Giráldez
O de Mestalla foi un deses partidos que marcan unha tempada. O Celta saltou ao céspede falto de intensidade e de precisión e viuse superado por un València que parecía terlle tomada a medida para controlar o xogo. Unha derrota implicaría pór en serio risco o billete a competicións europeas nun momento chave da tempada no que, a diferenza do Celta, os seus inmediatos perseguidores só se centran na Liga. Claudio Giráldez parecía desesperado no banco vendo como se deixaban escapar os tres puntos. Mais todo mudou coa reanudación tras o descanso. Non sabemos que dixo o técnico no vestiario, pero si a súa rápida reacción: dar entrada a El-Abdellaoui, Williot Swedberg e Fer López e mudar a un esquema 4-3-3 para gañar superioridade no centro do campo.
O plan da primeira metade non funcionou e Giráldez non dubidou en darlle un xiro radical para despistar Carlos Corberán e desaxustar as marcas dos valencianistas. E aí cambiou o guión do partido. O Celta deu esta tempada un importante salto cara adiante que pasa pola súa solidez defensiva e pola variedade táctica. Giráldez é un devoto do 3-4-3, e á vista dos resultados está o seu éxito, mais non dubida en alterar o esquema cando o partido, como este pasado domingo en Mestalla, así o require.
E nunha tempada tan exixente como a actual conseguiu algo tan necesario como difícil de levar á práctica: manter a todos os seus xogadores enchufados para que as rotacións non afecten o xogo do equipo. O Celta xa non ten a ‘Borjadependencia’ do inicio do curso, cando o acerto de cara ao gol pasaba polas botas do Panda, e malia perder o futbolista que máis fluidez dá ao xogo asociativo, Miguel Román, Giráldez está sabendo paliar a súa ausencia no centro do campo.
Neste Celta recuperou o seu sorriso un Fer López que —inexplicabelmente— apenas disputara 365 minutos até xaneiro nos Wolves. En Mestalla foi o revulsivo que precisaba Giráldez: foi chave na xogada do primeiro gol, anotou o do desempate e participou en todas as chegadas á área rival dos celestes. Tamén volveu sorrir Ferran Jutglà, con quen Giráldez soubo medir os tempos para recuperar un dianteiro afeito a marcar nas grandes noites europeas.
Claudio Giráldez é un produto da Madroa, que coñece mellor ca ninguén se filosofía e o potencial que ten na casa. Hai pouco máis de dous anos tomou as rendas dun equipo sen alma, ao bordo do abismo e sen nada ao que agarrarse para crer na salvación. Pero o porriñés devolveu a ilusión a Balaídos cunha proposta valente e un proxecto de futuro, mantivo o Celta en Primeira e no seu segundo ano devolveuno a Europa pola porta grande. Agora asegurou virtualmente a permanencia, rompendo así o teito histórico do club de 14 tempadas consecutivas en Primeira —a vindeira será a décimo quinta—; igualou o récord de puntuación a domicilio que estabelecera Berizzo na 2015-16, con 27 puntos —só superado na actualidade por Real Madrid e Barcelona—, e mantén vivo o soño da Europa League.
Perder en Mestalla suporía reducir as expectativas; con esta vitoria, porén, en Balaídos poden volver soñar ao grande.