O Real Club Deportivo tirará en Riazor "de sentimento" ante o Burgos CF

Adestramento do Dépor en Abegondo, esta sexta feira. (Foto: RC Deportivo)
Antonio Hidalgo amosa a súa "ilusión" por estrearse ante a súa afección

O Real Club Deportivo recibirá este domingo ao Burgos CF (Riazor, 17 horas). Antonio Hidalgo, na rolda de prensa previa onte en Abegondo (comarca da Coruña), quixo comezar enviando "unha mensaxe de apoio para os afectados polos incendios" ante unha situación que considerou "moi difícil".

No ámbito deportivo, o técnico catalán insistiu que o seu equipo, de cara ao choque que lle agarda na casa, "ten que sentir que son a forza do Club, o motor do Club". Por iso admitiu que o seu traballo será  "facerlles ver e sentir que son fundamentais". Hidalgo aposta en Riazor "polo sentimento de pertenza que hai na cidade que nolo dean, que estean ao noso lado, que sintan a fortaleza de que cando animen aos nosos vai ser moito máis sinxelo". 

Nesta liña confesou sentir "moitísimas ganas" ante o seu primeiro partido oficial na casa. "Sei que hai montado unha serie de actos das peñas e estou encantado de que isto se palpe", indicou. "Teño moita ilusión sobre todo polo que vexo pola rúa, polo que me transmite a xente, que é unha forza enorme", engadiu.

A nivel táctico, o adestrador branquiazul explicou que "tentamos montar unha estrutura que poida soportar diferentes situacións sobre todo co talento que temos arriba". Neste sentido, indicou que "a xente que temos arriba é diferencial e isto sábeo todo o mundo. A partir de aí a nosa marxe de mellora e o que me ocupa moitísimo é a mentalidade dos nosos xogadores, de loitar, de sufrir". Ademais, aclarou que xoga coa sensación de necesidade.

"Temos que ir ao límite cada momento para poder sacar 3 puntos cada semana". Finalmente, o técnico confirmou que os capitáns serán Villares, Escudero, José Ángel, Ximo Navarro "e tamén estará Yeremay".