Así é o novo museo do Deportivo, no que mostra os seus 120 anos de historia

Juan Carlos Escotet inaugurando o museo. (Foto: Nós Diario)
O Estadio de Riazor acolle desde esta terza feira o Dépor Museo & Tour, unha instalación que reúne en tres espazos diferenciados a evolución do campo, o papel da afección e os mellores momentos do club desde a súa fundación en 1906. A iniciativa é unha das "accións principais" do 120º aniversario da entidade.

O Real Club Deportivo da Coruña xa conta cun museo propio. A entidade branquiazul, após anos de ter o seu patrimonio espallado e con poucas posibilidades de estar á disposición da afección e o público, inaugurou esta terza feira un espazo expositivo situado no propio estadio de Riazor. Na apertura participaron representantes do club, como o seu presidente Juan Carlos Escotet; o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda; o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo;  o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; así como representantes da Deputación e do Concello. 

A iniciativa, co nome de Dépor Museo & Tour, ocupa 1.445 metros cadrados baixo a bancada de Tribuna Inferior, conta cunha superficie de 1.445 metros cadrados ten unha estrutura organizada en tres grandes bloques temáticos. No primeiro, na porta de entrada, móstrase na denominada 'Sala Branca' a evolución do estadio ao longo das décadas e o papel da afección na historia da entidade herculina.

Unha das vitrinas do museo. (Foto: Nós Diario)

Nun segundo ámbito, 'Sala Dourada', trátase a historia do club desde a súa fundación, trazando unha liña por etapas a través dos anos de maneira cronolóxica. Por último, no terceiro, a 'Sala Azul', céntrase na época do que se denominou 'Superdépor' coa exposición dos grandes trofeos que se conseguiron. 

A colección componse de máis de 200 pezas que forman parte do discurso expositivo inicial e de 2.000 obxectos de distinta natureza como trofeos, indumentarias ou material audiovisual. A posta en marcha do museo é, segundo indica nun comunicado o propio club, "unha das accións principais da conmemoración do 120 aniversario". Por iso a entidade adiantou que este ano celebrarase a efeméride "cunha programación específica e con proxectos destinados a reforzar a súa identidade e proxección cultural".

Tentativa en 2015 

O Deportivo consegue, desta maneira, facer realidade unha idea que xa se anunciara en 2015 nun comunicado publicado na súa páxina web. Daquela, exercendo de presidente Constantino Fernández Pico que entrou en substitución de Augusto César Lendoiro, indicouse que nas instalacións que ocupaba o ximnasio, o club proxectaba situar o seu propio" Museo histórico, que se definirá e creará con motivo do 110 aniversario da fundación do Club".

Por iso tiña intención de abrir en 2016 para "pór ao alcance de todo o deportivismo o material histórico que posúe o Deportivo e contidos dixitais, que se complementarán con doazóns e cesións dos seguidores branquiazuis".

Outra imaxe dunha das copas expostas no museo. (Foto: Nós Diario)

No sistema de museos da Xunta da Galiza

Un día antes da inauguración, a pasada segunda feira, a Xunta da Galiza aprobou a integración deste novo museo no sistema galego de museos. Segundo transcendeu após o Consello do Executivo esta incorporación concíbese "como un espazo cultural, patrimonial e educativo ao redor da historia da entidade".

Desta maneira, este espazo museístico convértese no primeiro de carácter deportivo que se suma a esta rede da que, actualmente, forman parte 98 espazos en todo país. Nela coexisten, alén de museos, coleccións e centros de interpretación tanto de titularidade pública como tamén doutras administracións ou entidades privadas.

Os trofeos do Dépor 

No museo pódese ver a historia do club e nela non faltan o seus trofeos. O RC Deportivo conquistou sete títulos oficiais ao longo da súa historia. Un Campionato de Liga (1999-2000), unha Copa España (1912), dúas Copas do Rei (1995 e 2002) e tres Supercopas de España (1995, 2000 e 2002). O RC Deportivo é un dos nove clubs que foi capaz de vencer a liga española, da que ademais foi subcampión en cinco ocasións: 1949-1950, 1993-1994, 1994-1995, 2000-2001 e 2001-2002. 

Tamén se proclamou campión da Segunda División en cinco ocasións (1961-1962, 1963-1964, 1965-1966, 1967-1968 e 2011-2012), aínda que nas catro primeiras esta categoría estaba dividida en dous grupos e o RC Deportivo foi primeiro clasificado do Grupo Norte.

O voceiro do Grupo Municipal do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, no museo. (Foto: Nós Diario)

Tamén foi campión de Terceira División na única campaña na que militou na devandita categoría (1974-1975). Nas súas primeiras décadas de vida, o RC Deportivo conquistou seis Campionatos da Galiza, en 1927, 1928, 1931, 1933, 1937 e 1940. 

Museo e vestiarios

O Deportivo puxo esta terza feira mesmo á venda, coincidindo coa inauguración, as entradas para o seu novo museo. A primeira rolda de entradas estivo reservada para as socias e socios con abono, en modalidade de prevenda. Ademais, a entidade herculina puxo en marcha dúas modalidades diferenciadas de visita.

Por unha parte está o acceso ao propio  museo en si e por outra a posibilidade de realizar un circuíto guiado que inclúe, ademais do pase ao museo, a visita guiada ao estadio, o acceso aos vestiarios dos xogadores do equipo, visitar á sala de prensa, á zona mixta así como acceder aos bancos e ao palco de honra.

Desencontro entre Concello e club polo convite ao acto

A inauguración do museo do Dépor abriu outra fronte entre o club e o Concello da Coruña. As instalacións son de propiedade municipal polo que a presenza de representantes do Pazo de María Pita sería lóxica. Porén a alcaldesa, Inés Rei, non asistiu por coincidirlle cunha xunta directiva da Federación Española de Municipios e Provincias,  que decorreu en Xerez (Andalucía). No seu lugar demandaron no seu día que estivera o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, acompañado do Concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro

Pola contra, o club indicaron que só podería asistir un representante. Ao acto si que foi convidado o concelleiro de Urbanismo, Francisco Dinis, e tamén os portavoces municipais  do BNG, Francisco Jorquera, e PP, Miguel Lorenzo

Críticas desde un sector da afección

Un sector da afección deportivista criticou estes días nas redes sociais as poucas informacións que saían sobre este novo museo. Neste sentido, queixáronse  de que non se contara con ela para pensar a instalación, como o feito de non convidar á propia Federación de Peñas do Dépor. Ademais, denuncian que a directiva patrimonializou os contidos sen contar cos principais referentes da historia recente do club.