O Celta fechará a pretempada ante o Nacional de Madeira en Afouteza

Os xogadores do Celta saudando a bancada o pasado domingo tras o partido contra o Raio Vallecano. (Foto: RC Celta)
O conxunto de Claudio Giráldez xa coñece o último amigábel do verán, ante o Clube Desportivo Nacional de Madeira. O partido será o  22 de xullo ás 12 horas na Cidade Deportiva Afouteza a porta fechada.

O Real Club Celta sumou esta cuarta feira un novo compromiso ao seu calendario de preparación para esta tempada. O conxunto de Claudio Giráldez xa coñece o último amigábel do verán, ante o Clube Desportivo Nacional de Madeira. O partido será o  22 de xullo ás 12 horas na Cidade Deportiva Afouteza a porta fechada.

O Nacional de Madeira é un histórico do fútbol portugués que milita na Primeira Liga. O encontro servirá como última proba antes do inicio oficial da competición, e súmase aos partidos xa confirmados ante Wolverhampton, SC Braga, VfB Stuttgart, Grasshopper, Vitória SC e FC Famalicão. 

Sobre movementos nos vestiarios, onte o presidente do Betis, Ángel Haro, aseguraba en declaracións a Cope Sevilla que "Borja [Iglesias] non se vai a ir gratis. Se non, estará aquí, no Betis, o seu ano". O club celeste, polo momento optou polo silencio sobre este tema. 

Nas Celtas, pola súa parte, hai novidades. Tras anunciar as renovacións de Lara Martínez e María Figueroa, onte anunciouse a continuidade doutra futbolista emblemática, Ana Toubes, unha xogadora que quedará para sempre na historia de As Celtas por ser a primeira que anunciou o club celeste tras a súa creación no ano 2024. 

Tamén no filial, o Celta Fortuna, saíron noticias. O club fixo oficial onte as saídas de César Fernández, Iván Garriel e Johan Guedes .O porteiro formouse na Madroa desde neno pero tras non lograr asentarse no filial sae coa carta de liberdade. O defensa e o atacante, pola súa parte, terminan o seu período de cesión e regresan ao Real Valladolid e Ás Palmas, respectivamente, após non exercer a entidade celeste as súas opcións de compra.