O Racing recibe en Copa o Huesca co ánimo de recuperar a confianza
Os ánimos en Ferrol non pasan polo mellor momento logo de o Mérida conseguir pór o empate contra o Racing en cinco minutos nun partido no que o conxunto galego tiña dous goles de vantaxe que soubo defender.
Mais a ilusión volve co torneo do KO, pois esta terza feira o Racing recibe o Huesca en Copa e na bancada da Malata hai esperanzas ante a posibilidade de que unha boa actuación sirva para devolver a confianza a un equipo que non atravesa un bo momento.
Deste modo, con pouco tempo para o descanso e para superar o mal trago dos tres puntos que se escaparon na liga, a escuadra ferrolá recibe ás 19 horas o conxunto aragonés na Malata. A pesar de ser un equipo de maior categoría, o Huesca non atravesa o seu mellor momento, ocupando o décimo sexto lugar na táboa da segunda división.
Esta circunstancia tratará de aproveitar o Racing para dar un paso adiante de cara á quinta rolda de Copa. Con todo, o conxunto oscense si experimentou unha mellora coa chegada do seu novo adestrador, Jon Pérez Bolo, con quen só encaixou un gol nos últimos tres partidos.
A parte positiva é que, ante a difícil situación que vive o Huesca, é probábel que o conxunto aproveite para facer rotacións. Porén, Pablo López non se fía, posto que "é un equipo con moito xogadores contrastados en Segunda e que veñen de pasar de rolda. Vai ser unha eliminatoria complicada, mais estamos na Malata, na casa, e tentaremos competir o mellor posíbel".
O Racing ten menos posibilidades para facer cambios no 11 posto que non poderá contar con Chema Rodríguez, Markel Artetxe, Sergio Tejera nin David Concha, aínda que si se espera que algún xogadores menos habituais poidan contar con minutos. Así, tras unha derrota e un doloroso empate, o equipo ferrolán espera esta terza feira mudar as sensacións cun pase de rolda.