A quen pertence a frase "Os tempos son chegados"? Ao Dépor ou ao Celta?

Faixa despregada este 2 de outubro en Balaídos no partido do Celta contra o PAOK de Salónica. (Foto: Celta)

A expresión foi utilizada este 2 de outubro polos seareiros do Celta nun tifo no partido de Europa League ante o PAOK de Salónica o que desatou unha lea nas redes sociais, con seguidores branquiazuis reclamando o dereito a utilizar a frase.

A rivalidade entre Celta e Dépor non se xoga só no campo. Esta sexta feira trasladouse tamén ás redes sociais, onde ducias de seareiros e seareiras dos dous equipos discutiron pola "propiedade" da frase "Os tempos son chegados", utilizada pola bancada celeste nun tifo durante o partido de Europa League fronte ao PAOK de Salónica.

Os afeccionados deportivistas lembraron que esa mesma expresión xa fora empregada en iniciativas da bancada de Riazor, acusando os seareiros celtistas de apropiarse dunha mensaxe que identificaban como propia. "Que noxo dades, a pancarta impresa e ademais a copia do lema, os pequenos da Galiza", escribía un deportivista en X. "Vaia copia barata, orixinalidade cero" ou "Deixade de copiar", puñan outros.

Desde Vigo, pola contra, replicaron que a frase leva anos cantándose en Balaídos, onde mesmo existe un canto de animación que di: "Outra vez os tempos son chegados nesta grande e mítica nazón. Galiza sempre está na nosa ialma e o Celta nos nosos corazóns".

O que semella descoñecemento por parte dalgúns seareiros é que a expresión "Os tempos son chegados" non pertence nin ao Celta nin ao Dépor. Trátase dunha cita literal do poema Os Pinos, escrito por Eduardo Pondal e musicado por Pascual Veiga, que acabou converténdose no himno oficial da Galiza.

O verso, cargado de simbolismo, alude ao espertar do pobo galego e á reivindicación da súa dignidade nacional. Foi escrito a finais do século XIX e hoxe forma parte dunha das composicións máis coñecidas da literatura galega, cantada en cada acto oficial co himno.

Que dúas das grandes afeccións do país se disputen a autoría dunha expresión de Pondal pode ser visto como unha mostra da forza e da vixencia da nosa cultura. Mais tamén pon de manifesto a desconexión que ás veces existe entre símbolos colectivos e o seu verdadeiro significado.

Toda vez o PP se nega a restaurar a letra fidedigna no Himno galego, a polémica serviu, iso si, para devolver Eduardo Pondal ao centro do debate público. Se cadra, a mellor lección deste episodio é lembrar que "Os tempos son chegados" non pertence a ningún club, senón a todo un pobo.