PuntoGal e AGFG únense para visibilizar o fútbol gaélico na Galiza
O dominio convértese no patrocinador principal das camisolas das seleccións galegas e seguirá apoiando o labor das Gaélico Escolas.
A Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) e PuntoGal renovaron por oitavo ano consecutivo o seu convenio de colaboración, reforzando unha alianza que ten como obxectivo promover o desenvolvemento e a difusión do fútbol gaélico na Galiza. A relevancia da colaboración reflíctese na presenza da marca do dominio na parte frontal das camisolas da equipación das seleccións de fútbol gaélico, como patrocinador principal.
Con este acordo, PuntoGal continuará apoiando diferentes iniciativas impulsadas pola asociación, entre elas o programa Gaélico Escolas PuntoGal, unha proposta de promoción deportiva que leva este deporte a centros educativos de todo o país a través de actividades de iniciación, obradoiros e encontros escolares. O dominio axuda tamén no mantemento da web do proxecto, que se pode consultar en gaelicoescolas.gal.
Este proxecto experimentou un importante crecemento nos últimos anos e acadou cifras récord de participación, superando os 3.000 nenos e nenas participantes nas súas actividades e contribuíndo a dar a coñecer o fútbol gaélico entre a mocidade galega.
O convenio tamén serve de apoio ao conxunto da actividade deportiva da asociación, incluíndo as competicións galegas, torneos de promoción e outras iniciativas orientadas a fortalecer a presenza deste deporte na Galiza, onde continúa a consolidarse cun número crecente de clubs e persoas federadas.
A actividade do fútbol gaélico galego conta neste 2026 cun calendario intenso tanto no ámbito formativo como competitivo. No programa de escolas destaca a realización, o 2 de maio en Maastricht, da quinta edición da Feile, o Campionato de Europa cadete sub-15, no que participarán equipos de países como Francia ou Alemaña, ademais do representante galego, que sairá do gañador da Copa Galega. No mes de xuño desenvolveranse tamén os torneos de fin de curso das escolas, previsibelmente nas comarcas de Compostela, Vigo, Ourense e Lugo. Xa o 27 de xuño terá lugar a primeira Celtic Cup sub-17, cun total de nove equipos confirmados e presenza de clubs de Irlanda e Inglaterra, mentres que o 5 de setembro varios conxuntos galegos participarán no prestixioso Birmingham International Tournament sub-17, torneo cuxos organizadores visitarán previamente Galza con motivo da Celtic Cup.
Aliás, a selección galega continuará consolidando a súa presenza internacional tras participar o 28 de febreiro no histórico Torneo Internacional da Haia, o convidacional máis antigo e prestixioso da Europa continental. O calendario competitivo continuará o 14 de marzo coa cuarta edición da Celtic Cup en Compostela, que medra até nove equipos masculinos e seis femininos. De cara ao verán, Galiza disputará o 27 de xuño un amigábel de preparación antes de competir nos World Games, que se desenvolverán entre o 13 e o 17 de xullo en Waterford (Irlanda) en formato 9x9, cun total de catro equipos galegos na competición, dous masculinos e dous femininos entre categorías championship e de desenvolvemento. A tempada completarase co posíbel convite ao Torneo Internacional de Madrid no mes de outubro, mentres que no ámbito de clubs destacan a Copa Galega o 25 de abril en Ribeira, as finais das ligas galegas a comezos de maio, a final do Campionato Ibérico e o inicio da Liga Galega 2026/27 no mes de outubro.
Segundo declarou Darío Janeiro, director xeral do dominio, “a renovación do acordo confirma o compromiso de PuntoGal con proxectos que combinan deporte, lingua e cultura, e que contribúen á dinamización social e deportiva do país”. “O fútbol gaélico está crecendo tanto na súa implantación no territorio grazas á liga e aos distintos torneos, como no traballo de divulgación das Gaélico Escolas nos centros de ensino do país, sen esquecer a representación das seleccións galegas nos eventos internacionais”, sinalou. “O fútbol gaélico encaixa á perfección no tipo de proxectos que se apoian desde o dominio, estamos moi satisfeitos de manter esta colaboración a longo prazo”, concluíu.
Neste senso, o presidente da Asociación Galega de Fútbol Gaélico, Ángel Negrete, destacou “a importancia de manter esta colaboración estábel no tempo, que permite seguir ampliando o alcance das súas actividades e achegar o fútbol gaélico a novas xeracións a través do traballo das GaelicoEscolas”.