Óscar Pereiro critica Borja Iglesias polas súas palabras sobre a Volta e Palestina: "Veremos cando lles toque xogar cun equipo de Israel"
O ex ciclista galego, campión do Tour de Francia en 2006, cuestionou en El Chiringuito que o dianteiro do Celta restase importancia á neutralización da etapa da Volta ciclista que rematou en Mos e instou a ver como reaccionará o deporte estatal cando toque enfrontar equipos israelís.
As palabras de Borja Iglesias, que considerara "sorprendente que se dea máis importancia a parar un evento deportivo que a un xenocidio", seguen a xerar reaccións. O dianteiro do Celta referíase á neutralización dunha etapa da Volta tras as protestas que exixían o fin do xenocidio en Gaza e a exclusión do equipo Israel-Premier Tech da proba diclista.
Esta semana, o ex ciclista galego Óscar Pereiro —nado precisamente en Mos, onde decorreron as protestas máis numerosas durante o paso da Volta pola Galiza— respondeu en El Chiringuito ao futbolista celeste. "Eu son do Celta, a morte desde pequeno, pero doéronme as declaracións que fixo Borja Iglesias", dixo, antes de lembrar que o equipo vigués comparte competición na Europa League con un conxunto israelí, o Maccabi Tel Aviv. "Veremolo, porque é moi fácil dicir iso. Se parar unha carreira non é importante, veremos cando lles toque xogar contra un equipo de Israel", explicou Pereiro.
O ex ciclista, que na edición da Volta de 2025 realizou os comentarios deportivos para a cadena COPE, defendeu o valor dos eventos deportivos en si mesmos: "A carreira ciclista é tan importante como xogar a Liga ou a Europa League. Cada un ten a súa importancia", dixo, acusando o dianteiro celeste de "menosprezar" o ciclismo.
O campión do Tour de 2006 —que no ano 2008 xa fora albo de críticas por subscribir o Manifesto por una lengua común, en defensa do uso do español en calquera punto do Estado— foi máis alá e cuestionou se o Goberno español estaría disposto a manter a mesma coherencia que demandan as protestas: "A Volta vai descansar durante 12 meses, veremos a partir de agora que pasa cando equipos ou deportistas teñan que competir contra israelís. A ver se o Goberno ten as pelotas de que España non xogue o Mundial de fútbol".
A afirmación, recollida por medios deportivos, amplifícase nun momento en que o tecido deportivo, político e social está inmerso nun intenso debate sobre o xenocidio recoñecido pola ONU e o papel do Estado español á hora de tomar posicións públicas.