O Obradoiro visita Palencia coa idea de recuperar o factor pista
O Monbus Obradoiro visita hoxe (20 horas) a difícil pista do Palencia, onde o equipo dirixido por Luis Guil só perdeu dous partidos esta tempada, un ante o San Pablo Burgos e outro ante o Estudantes. O conxunto de Félix Alonso sairá coa intención de recuperar o factor pista na serie ao mellor de cinco por un posto na 'Final a catro' polo ascenso á ACB.
A eliminatoria de play-off de ascenso á máxima categoría entre ambos os dous equipos chega á capital palentina con máxima igualdade. O primeiro encontro en terras galegas caeu do lado local, mais no segundo foi o equipo de Castela e León quen levou a vitoria.
Análise de Félix Alonso
Na rolda de prensa previa esta quinta feira, o técnico do Obradoiro comentou que ten xogadores que chegan con algunhas molestias, algo "lóxico polo feito de xogar dous partidos consecutivos". Porén, non cre que esas molestias "vaian supor un problema á hora de pór en risco a súa participación". Aínda así, Alonso asegurou que de momento está en risco Álex Galán, "xa que está cunha gastroenterite aguda" e a idea é "agardar a que o médico nos conte".
Analizando os dous primeiros partidos dos play-off, considerou que teñen dúas partes diferenciadas. "Unha na que temos o control absoluto do xogo, e outra na que o noso inicio é moi malo e, a partir de aí, cambia por completo a dinámica", explicou. Por iso, alertou de que "hai cousas que non nos podemos permitir: canastras fáciles, situacións de un contra un, moito xogo en transición, que mesmo remataron en bandeixas moi fáciles en moitas ocasións".
Sobre o rival que se atopará hoxe, o técnico considerou que buscará "o contacto, a agresividade, meter moitas mans". Esta "fórmula" pode chegar segundo "até que punto llo permitan os árbitros neste caso", algo que co seu público "pódese multiplicar". Por iso, Alonso concluíu que "igual xogan máis intensos e agresivos, o que significa que van esixir e poñer o listón moi alto nese sentido".