O Obradoiro prepara a ACB e comeza buscando o apoio económico da afección

O presidente do Obradoiro, Raúl López, e o seu director xeral, Héctor Galán, en Compostela, esta cuarta feira. (Foto: Alma Alonso)
O presidente da entidade, Raúl López, e o director xeral, Héctor Galán, informaron dunha iniciativa económica de préstamos participativos que leva por nome Obrad'ouro.

O Monbus Obradoiro dá os primeiros pasos de cara á vindeira tempada na ACB. Onte o club  presentou en rolda de prensa desde Compostela, na que participaron o presidente da entidade, Raúl López, e o director xeral, Héctor Galán, a campaña de abonadas e abonados para a tempada 2026-27. Ademais, informou dunha iniciativa económica de préstamos participativos que decorrerá ao mesmo tempo e que leva por nome Obrad'ouro.

"Hai cousas que non as valoras até que as perdes e pasounos a nós coa ACB", comezou recoñecendo o presidente da entidade. "En 2011 tivemos unha situación semellante, con moita xente na cancha e todo o mundo pensando que estaba consolidado, até que baixamos", agregou. Por este motivo, López asegurou que "aprendemos dos nosos erros". Así, demandou da afección que, alén de que participen na campaña de abonados, "fagan un esforzo máis" para facer un equipo con garantías "para o que temos por diante e que non debemos voltar a perder".

O director xeral do Obradoiro, Héctor Galán, e o seu presidente, Raúl López, en Compostela, esta cuarta feira. (Foto: Alma Alonso)

Por último, o presidente eloxiou a afección que fixo que desprazamentos do equipo como o de Santander (Cantabria) "fixesen da cidade outro Santiago". 

As campañas

Antes de comezar coa campaña de abonadas e abonados, o club anunciou que tentará captar fondos por medio de Obrad’ouro. A iniciativa ábrese hoxe á afección e rematará o 8 de xuño. A proposta consiste en solicitar préstamos participativos por un valor mínimo de 200 euros no caso de persoas adultas e de 80 euros se son menores de idade. Ademais, admitiranse importes superiores sempre e cando sexan múltiplos exactos dos anunciados.

O préstamo terá un retorno a través do desconto de 50% no abono desta tempada. Quen participe contará con prioridade para renovar o asento no mesmo lugar que a pasada tempada, alén de recibir unha camisola exclusiva e limitada do equipo.

Ao remate desta campaña comezará a xa tradicional de abonados, cun inicio exclusivo para as persoas que participaron no Obrad’ouro e que decorrerá desde o 10 de xuño até o 7 de xullo. Despois, a partir do 8 de xullo, sen descontos —coa excepción do de fidelidade— e sen o asento garantido, comezará a segunda campaña para completar o inicio de curso. 

Cinco con contrato

Na rolda de prensa, ademais, falouse do equipo e de como o club está traballando para telo nas mellores condicións cando comece a liga. Neste senso, o director xeral comunicou que só hai, agora mesmo, cinco xogadores con contrato para vindeira tempada dos que axudaron a conseguir o ascenso. 

Así, o lugués Sergi Quintela, o estadounidense Alex Barcello, o cubano Yunio Barrueta, o brasileiro Felipe dos Anjos e o sueco Olle Lundqvist son os que, de inicio, teñen a continuidade asegurada. Sobre Olle, Galán informou de que “está nun proceso de recuperación que se alongará durante todo o verán", e posteriormente o club valorará a situación. "Mais hai que darlle tempo e ter paciencia coa súa recuperación", engadiu.

Por último, aínda sen queres desvelar máis nomes, o director xeral do Obradoiro confirmou que o club busca "facer un proxecto sólido, que non conviva co sufrimento ou o risco do descenso". "Estamos nun club que pode presumir de ter unha etapa de estabilidade na ACB e a idea é volver a iso", sentenciou.