Un (novo) Mundial da vergoña: a dobre vara da FIFA de Infantino
Parece mentira que haxa quen diga aínda que hai que "separar o fútbol da política". Todo nesta vida está impregnado de decisións políticas, e o fútbol non é unha excepción. Iso si, non se aplican os mesmos baremos en todas as circunstancias. A FIFA e a UEFA non tardaron nin unha semana en excluír Rusia —e os clubs rusos— de todas as competicións internacionais após a invasión de Ucraína en 2022... pero logo ben que lles tremeu o pulso cando Israel emprendeu un xenocidio contra a poboación palestina recoñecido como tal pola ONU. Tamén seguen sen actuar fronte á implantación de equipos israelís en colonias ilegais en Cisxordania porque se trata dunha "cuestión non resulta e extremadamente complexa".
Sen ruborizarse, Gianni Infantino, ese sinistro personaxe que preside o órgano reitor do fútbol mundial, afirmou en febreiro que sería "unha derrota" impor as mesmas sancións a Israel que a Rusia. E case como se dunha burla se tratase, o pasado día 19 a FIFA multou a Federación Israelí de Fútbol, por non actuar fronte a comportamentos racistas e supremacistas nos terreos de xogo da súa xurisdición, con 165.000 euros e obrigouna a despregar nos seus seguintes compromisos internacionais unha faixa co lema 'O fútbol une o mundo, non á discriminación'. Que credibilidade pode ter esta mensaxe xunto á bandeira dun Estado xenocida?
Este verán o Mundial disputarase no Canadá, México e os Estados Unidos. Onte a ONG Amnistía Internacional alertou do risco de que o evento deportivo con maior repercusión a nivel internacional torne nun "escenario de represión", lembrando que o Goberno de Donald Trump deportou a través do seu polémico servizo de inmigración, o ICE, medio millón de persoas en 2025, seis veces o público que seguirá a gran final do Mundial no estadio MetLife de Nova Jersey.
O cantante portorriqueño Bad Bunny excluíu Estados Unidos da súa nova xira mundial para protexer os seus seguidores e seguidoras de posíbeis redadas do ICE, cuxas prácticas vulneran os dereitos e as liberdades máis básicas. Trump está a converter Estados Unidos nun Estado policial e, por se non abondase con impor o seu réxime de terror a nivel interno, extrapólao para alén das súas fronteiras secuestrando o presidente de Venezuela, ameazando con invadir Groenlandia ou atacando Irán co fin de facerse —igual que en Venezuela— co seu petróleo. As autoridades iranianas xa avanzaron que non participarán no Mundial —"que persoa sensata enviaría a súa selección nacional aos Estados Unidos?"—.
Sobra dicir que a FIFA non actuará contra Trump, porque Infantino é o seu monicreque e os dereitos humanos pouco ou nada importan neste organismo máis alá de despregar unha faixa en Israel. Xa o demostrou dando un Mundial a Qatar e reiterouno entregando outro a Arabia Saudita.