Noruega e Italia buscan o primeiro billete ás semifinais da Eurocopa
Comezan as eliminatorias dos cuartos de final da Eurocopa 2025. Entre as oito seleccións que seguen na batalla para lograr o trofeo continental atópanse a campioa vixente, Inglaterra, e outras seleccións que xa saben o que é alzarse coa copa como son Alemaña –á cabeza, con oito títulos–, Noruega e Suecia.
Os primeiros equipos que se disputan o pase a semifinais son Noruega e Italia, que se enfrontan esta cuarta feira ás 21 horas en Xenebra. As norueguesas sumaron un pleno de vitorias na frase de grupos, fechándoa cun axustado 4-3 fronte a Islandia. Un triunfo esta noite daríalles o primeiro pase a semis desde 2013, cando perderon na final ante Alemaña.
E, pola súa parte, a selección italiana demostrou un gran progreso ao longo da fase de grupos, a pesar de quedar segunda tras a derrota por 1 gol a 3 contra España, e as xogadoras manteñen a súa confianza e compromiso intacto. Sobre o perigo das italianas advertiu onte a atacante norueguesa Caroline Graham Hansen: "É un bo equipo. Están xogando ben, así que sabemos que vai ser duro, pero ao mesmo tempo creo que ambos os equipos senten que teñen unha boa oportunidade de pasar a semifinais. Será un partido moi intenso con dous equipos que van a por todas".
A capitá norueguesa, Ada Hegerberg, engadiu: "Sabemos que o fútbol italiano é moi completo e é estupendo ter a oportunidade de xogar contra elas. Pero todo é cuestión de equilibrio, entre o respecto cara a elas e a confianza en nós mesmas. Estou moi orgullosa do que fixemos desde o principio".
Desde o lado italiano, a centrocampista Arianna Caruso destacou que os tres partidos da fase de grupos "foron difíciles e totalmente diferentes entre si". "Creo que co balón demostramos que podemos ser moito máis perigosas, e probabelmente tamén moito máis agradábeis de ver cando conservamos mellor o balón. Espero que o poidamos seguir demostrando no partido contra Noruega, que é unha gran selección".
Os cruces de cuartos complétanos o Suecia-Inglaterra desta quinta feira, o España-Suíza da sexta feira e o Francia-Alemaña do sábado, todos eles no horario habitual das 21 horas. Unha vez rematada esta rolda, as semifinais disputaranse os días 22 e 23 de xullo, e o partido da final está previsto para o día 27 en Basilea.