O Noia viaxa a Murcia coa esperanza de puntuar para afastarse do descenso
O Noia Portus Apostoli FS regresa á competición tras o parón da Copa para enfrontarse hoxe a domicilio co Murcia (Pazo de Deportes, 21 horas). Os brancos queren dar continuidade á dinámica positiva xusto antes de iniciar unha semana na que terá tres partidos. Os galegos chegan en 14ª posición con 19 puntos, un por encima do descenso, tras a épica vitoria no derbi.
O rival recibe ao equipo noiés cando están sétimos na clasificación, unha posición nada usual para unha formación que conta con figuras como Marcel, Gadeia, Rafa Santos, Felipe Valerio e Edu. Ademais, o equipo mudou de adestrador o pasado 2 de febreiro e agora manda no vestiario Josan González, en substitución de Dani Martínez.
Esta quinta feira, na rolda de prensa previa ao partido, David Palmas recoñecía que será "unha semana complicada" que afrontarán "con moita ilusión despois dos últimos resultados". Dos aspectos positivos que lle saca antes de viaxar até Murcia, o técnico sinala "o tempo que tivemos para preparar este partido e tamén para recuperar xogadores que estaban tocados".
O adestrador do Noia é positivo en relación a manter a categoría por estar "apertada" a clasificación con varios equipos na loita. "Creo que a salvación estará nos 30 puntos e confiamos en conseguilo".
Do rival, Palmas compara o Murcia co Cartaxena polo que agarda "un partido moi igualado no que tentaremos conseguir os tres puntos". Ademais de sumar na táboa, conseguir un resultado positivo nesta saída do conxunto noiés sería, para o técnico galego, "toda unha inxección de moral para os xogadores". De todas maneiras, para Palmas o equipo local "segue a ser o favorito e se teñen un bo día vai ser difícil que consigamos a vitoria".