A PREVIA | O Noia acolle esta cuarta feira na casa ao actual campión de liga

O lucense Pirata no partido que disputou o Noia co Peñíscola. (Foto: Noia Portus Apostoli).
Álex García confía na vitoria no Agustín Mourís para mellorar os resultados desta tempada.

O Noia Portus Apostoli FS terá esta cuarta feira outra visita de altura na intersemanal xornada 7 de liga: o Jimbee Cartaxena Costa Cálida FS (Agustín Mourís, 20.30 horas). O equipo murciano que visitará a comarca noiesa foi  campión da pasada edición ligueira, algo que ten moi en conta Manu Cossío.

Será o segundo partido dos cinco en catorce días que afronta o Portus Apostoli nestas dúas semanas de altísima exixencia. Os noieses continúan enfocados en darlle a volta á dinámica negativa que atravesa e confiando no seu traballo no día a día, conscientes de que o caprichoso balón acabará entrando máis pronto que tarde, dando premio ao bo facer nos encontros.

Tras Murcia e Barça, os cartaxeneros serán o terceiro rival dos sete que o curso anterior xogaron PlayOff e que pasarán polo feudo noiés xa na primeira volta. O equipo dirixido por  Cossío está a vivir unha campaña histórica, coa súa primeira participación na UEFA Futsal Champions League, da cal disputarán a rolda Elite a finais deste mes. 

Esta terza feira, o á do equipo noiés, Álex García, aseguraba que o seu conxunto "estaba enfocado no seu traballo" aínda que coa espiña de non gañar na xornada anterior "onde nos baleiramos  mais faltounos o acerto de cara a portaría".De cara ao partido desta cuarta feira, García espera "dar a primeira vitoria no pavillón ante a nosa afección". En relación ao rival, o xogador noiés recoñece que "é un gran campión de liga que está xogando Champions e sabemos que ten moitas armas que nos poden prexudicar". Con todo, García apunta que "nós tamén as nosas e tentaremos contrarrestalas tendo en conta que xogamos en casa".

Tres coa Sub-19

A selección galega Sub-19 afrontará do 20 ao 24 de novembro no Municipal de Vista Alegre de Burela (A Mariña) a Fase Previa do Campionato de España con tres xogadores do Noia Portus Apostoli FS. Álvaro, Koke e Iago López foron chamados polo seleccionador,  Óscar Vigo, entre a convocatoria de 14 que tentará selar o avance á loita polo título nacional.

O combinado galego enfrontarase ao longo dos cinco días de competición contra as seleccións de Castela e León, Castela-A Mancha, Nafarroa e Catalunya. Os dous mellor clasificados estaránna Fase Final do Campionato.