A PREVIA | Murcia e Gernika, rivais de Celta e Ensino nunha xornada crucial
A xornada 24 da Liga feminina da máxima categoría chega con dous encontros con participación galega e un aprazado, o do Uni Ferrol que deixa o seu encontro nesta competición pola ida das semifinais da Copa Europea que disputará mañá na Malata ante o Lyon.
Abrirá hoxe o Maquinaria Ensino na casa ante Gernika Bizkaia (Pazo dos Deportes, 20.15 horas). As luguesas, na zona baixa da táboa, terán diante un equipo difícil, quinto na clasificación na actualidade. As pupilas de Antonio Pernas veñen de conseguir esta fin de semana unha importante vitoria a domicilio ante o Estudantes, un histórico desta competición. As galegas marcaron o ritmo de inicio e non deixaron que se lles fose en ningún momento o encontro.
Tras o partido, que rematou cun resultado de 73-83, o técnico tiña claro que os puntos do encontro reforzarían o ánimo do equipo de cara ao seguinte asalto desta semana.
Na xornada seguirá o Celta, que viaxará nesta ocasión até Murcia para enfrontarse ao Club Baloncesto Jairis (Municipal Fausto Vicent, 20.30 horas). As xogadoras celestes precisan puntuar para deixar o posto 15, no que se atopan agora mesmo. Chegaron a el despois de levar catro derrotas consecutivas e están no momento máis crítico da tempada, cando faltan só sete xornadas para que conclúa este curso.
Con este panorama por diante, Cristina Cantero ten a necesidade, para salvar o seu equipo, de conseguir un mínimo de tres vitorias para ter opcións de seguir na mesma categoría para a tempada seguinte. O seu calendario é moi semellante ao de equipos como o Ensino Lugo e La Seu. No caso do equipo galego, precisamente, tivo ao seu favor os bos resultados, unha situación que reduciu o número de equipos que teñen na loita por salvar a categoría.