Mugardos pelexará con 3 traiñeiras vascas por ter por vez primeira unha praza na elite do remo
A embarcación desputará esta fin de semana as regatas de ascenso. “Chegamos nun momento óptimo”, afirma Pendo Peláez, adestrador da embarcación mugardesa.
Dous billetes para a elite das traiñeiras a desputar entre catro embarcacións, tres delas vascas (Portugalete, Getaria e Zumaia) e unha galega (Mugardos). A primeira vez que os mugardeses aspiran a entrar na ACT ou Liga San Miguel, a competición onde están as 12 mellores traiñeiras. Entre ellas, outras dúas representantes galegas, Cabo de Cruz e Tirán. Nesta temporada tamén competiu Samertolameu de Meira, mais descendeu ao ficar de última na Táboa xeral. Mugardos tentará que na vindeira tempada volvan ser tres as embarcacións de Galiza a vogar na ACT.
Portugalete -penúltima na clasificación da ACT- pelexará por defender a súa praza, e Mugardos, Getaria e Zumaia por ascender. Catro barcos para dous postos. As apostas dan favorita a Portugalete para unha das prazas mentres que a outra ficaría para Zumaia ou Getaria. Mais os de Mugardos non renuncian a dar a sorpresa.
“A xente está moi ilusionada”
“Chegamos nun momento óptimo, coa xente moi ilusionada”, afirma o adestrador da traiñeira de Mugardos, Pendo Peláez nunha entrevista na TV da Liga San Miguel, se ben recoñece que vai ser difícil e sinala Portugalete como a principal favorita.
“Comezamos a tempada de forma irregular”, di Peláez, “mais a medida que avanzaba fomos collendo o ritmo” e agora mesmo atópanse nun momento bo para afrontar o reto de ascender á ACT. Mugardos finalizou segunda na Liga Galega de Traiñeiras-A, mais a renuncia da campioa Amegrove a competir neste 'play-off' posibilitou que os mugardeses aspiren ao posto. As regatas de ascenso serán esta fin de semana en Bermeo e no Río Nervión.