Sumar exixe a expulsión dos Estados Unidos e de Israel de todas as competicións deportivas "pola súa guerra ilegal contra Irán"

Paulo Carlos López, secretario xeral de Sumar Galicia. (Foto: Arxina)
A formación pide á FIFA que traslade todas as sedes do Mundial de fútbol deste ano a México e Canadá.

Movemento Sumar Galicia vén de exixir que Estados Unidos e Israel sexan expulsados de todas as competicións deportivas internacionais polos seus "ataques ilegais" contra Irán, "do mesmo modo que se fixo con Rusia tras a invasión ilegal de Ucraína". O secretario xeral da organización, Paulo Carlos López, sinalou que “se a comunidade internacional aplicou sancións deportivas exemplares contra a Rusia do sátrapa Vladimir Putin pola invasión ilegal de Ucraína, debe actuar co mesmo criterio ante a guerra ilegal impulsada por Donald Trump e polo Goberno de Israel contra Irán, unha intervención tan ilegal que nin sequera foi sometida á aprobación do propio Congreso dos Estados Unidos”.

Para a formación, o Dereito internacional "non pode aplicarse segundo conveniencias políticas nin xeoestratéxicas", porque iso "erosiona a súa lexitimidade e debilita o sistema multilateral". López foi contundente ao afirmar que “Movemento Sumar Galicia non apoia en ningún caso o réxime dos aiatolás, que é un réxime aberrante e contrario aos dereitos e liberdades fundamentais especialmente no caso das mulleres; pero iso non xustifica nin lexitima o uso unilateral da forza contra unha nación soberana fóra dos marcos establecidos polo dereito internacional”.

Engadiu que “abrir a porta á lei do máis forte supón dinamitar décadas de construción xurídica internacional e normalizar a guerra ilegal como ferramenta política”, polo que desde Sumar Galicia consideran que as autoridades deportivas internacionais deben utilizar "exactamente o mesmo criterio que aplicaron tras a invasión rusa de Ucraína, suspendendo federacións e retirando competicións", e instan expresamente a FIFA a revisar a asignación das sedes do vindeiro Mundial actualmente previstas nos Estados Unidos para trasladalas a México e Canadá "como medida de presión coherente cos principios que di defender".

Paulo Carlos López subliñou que coincide "plenamente" coa declaración realizada hoxe polo presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, en defensa do Dereito internacional e dunha resposta "firme e coherente" fronte ás vulneracións dos dereitos humanos. Puxo en valor a presenza de Sumar no Executivo, que “garante esa posición de firmeza empurrando desde dentro, para garantir coherencia e valentía”.

Movemento Sumar Galicia apelou tamén a "redobrar os esforzos diplomáticos e pacíficos de presión internacional" para deter a escalada bélica e chamou á mobilización social contra a guerra, defendendo que a cidadanía debe implicarse activamente na defensa da paz e do multilateralismo. O secretario xeral da organización quixo enviar, ademais, “un abrazo fraternal ao pobo progresista dos Estados Unidos, que nas próximas eleccións de novembro terá a oportunidade de pór fin á deriva autoritaria de Trump e do seu gabinete”.

Finalmente, criticou con dureza a actitude do Partido Popular e do seu líder, Alberto Núñez Feixoo, asegurando que “a Feixoo está a saírlle o bigote de José María Aznar, por non dicir outros bigotes máis escuros, cando xustifica intervencións militares ilegais e esquece as leccións da guerra de Iraq”. López engadiu que “as dereitas póñense moito a pulseiriña, pero á hora da verdade están dispostas a supeditar o seu país aos intereses dun goberno criminal estranxeiro, como xa aconteceu no pasado, traizoando a vontade maioritaria da cidadanía e arrastrando España a conflitos inxustos e ilegais”.