Miguel Martínez remata 12º e non estará na final do Mundial de Natación

Miguel Martínez. (Foto: RFEN)
O nadador vigués marcou un tempo de 1:52.63.

Exixente proba de 200 bolboreta masculino a disputada na mañá desta quinta feira no Mundial de Natación en Piscina Curta 2024 que decorreno emblemático Duna Arena de Budapest, Hungría, desde o 10 ao 15 de decembro.  De novo, un 'duelo' —esta vez internacional— entre o asturiano Arbidel González e o galego Miguel Martínez Novoa, que xa nos deleitaron en novembro nos Campionatos de España en Madrid. 

Aínda que non nadaban na mesma serie, repetiuse a constante das marcas. Esta vez foi para Arbidel González, que na rúa 4 foi terceiro con 1:51.92, novo récord estatal que lle arrebata a Miguel Martínez (que no campionato estatal de hai un mes marcara o récord: 1:51.97). Minutos despois de González lanzábase Novoa na última serie desta proba de 200 bolboreta e marcaba un crono de 1:52.63.

No sumatorio de tempos para alcanzar a final directa, o nadador vigués acabou no posto 12º, fóra do corte (que estaba nun tempo de 1:51.7) para a finalísima da tarde no Duna Area da capital maxiar. O galego pon así punto e final a súa competición neste Mundial.

O nadador do Real Canoe NC viña de bater dúas veces o récord estatal de 200 metros bolboreta no Campionato de España de inverno de piscina curta que se disputou en Madrid. Foi nesta competición na que conseguiu o seu pase para poder participar no Mundial.

Miguel Martínez, formado no Real Club Náutico de Vigo, foi nestes anos medrando na piscina, onde comezara nadando a costas e a distancias longas, como os 1.500 metros. Pouco a pouco foise dando conta de que o nado a bolboreta era o seu forte, onde máis destacaba e, a partires de entón, comezou a centrarse no adestramento desta modalidade até convertela na súa proba e obxectivo principal.